Perdoarán vostedes que discrepe. Cando morren dúas rapazas na estrada (Lucía e Mabel), non me veñan con moralinas. Esperamos que esta traxedia sirva para algo, para que se conciencien os mozos... comentan as autoridades. Qué frivolidade. A morte nunca serve para nada. E para nada as súas campañas de tráfico, multas, a súa política equivocadísima (¿Cando se decatarán de que Galicia precisa un plan específico, unha neoestratexia? ¿Como é posible estar tan cegos?). O problema da xuventude é outro. Fáltalles ilusión, e ganas, e motivación. Fáltalles unha política real, non de poltrona. Falta que lles cambien os valores. Que os soños coticen máis que os dezaseis válvulas, ou sexa, e como veño dicindo en contra do mundo, que Pablo Neruda resulte máis emocionante que Fernando Alonso. Cando morren os novos morre unha parte de Nós, porque morre o futuro. Cando os rapaces están na cousa do botellón (porque lles gusta) están tirando adoquíns como facían outros en 1968. Debaixo do asfalto está a praia, dicían daquela. Agora, debaixo do asfalto, está un fracaso. O noso. Fracasamos estrepitosamente. Fracasa a escola, en serio. Fracasa como modelo porque quere repetirse unha e outra vez; e a escola debe cambiar con urxencia (por iso se redactou, con bo criterio, a LOE... outra cousa será a súa aplicación). Fracasan os pais, porque deixaron de ser pais e agora son amiguetes dos fillos. Fracasa o correccionismo político e a intelectualidade chabacana e vendida. Ou sexa, que como estou tristísimo este martes, dedícome a golpear as teclas con ira. Quédome escoitando poemas. Ou recitando versos rebeldes ás estrelas. Iso son: un rebelde. Sei que a estas alturas do partido isto non ten ningún valor. Pero son desa clase de tipos que aínda quere cambiar o mundo. Por iso escribo esta columna no voso nome, Lucía e Mabel. Para rebelarme. Para que cambie o mundo. Por fin.