Suárez: «Gobernar en minoría só require máis tempo»

La Voz

A MARIÑA

Chegou a hora de facer balance dos primeiros cen días de goberno e ao alcalde de Ribadeo, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, o de gobernar en minoría non lle crea nengún complexo: «Só require máis tempo». É o único apunte que fai cando se lle pregunta polas dificultades ás que tivo que facer fronte desde que tomou posesión como rexedor.

Suárez recoñece que o equipo de goberno está traballando en proxectos que serán moi importantes para o futuro do concello, como o Plan Xeral de Ordenación Municipal, o polígono industrial e outros. «Neste momento tócanos sentar as bases dos próximos vinte anos», indica, ao tempo que confesa que, polo de agora, os logros que máis lucen son os realizados desde a área de Medio Ambiente.

Cando se lle pregunta pola existencia de pactos, o rexedor rexeita entrar nesta polémica e asegura que «o único pacto que ten o Goberno de Ribadeo é cos veciños, con todos eles, e espero que os demais grupos representados na corporación teñan isto en conta por enriba de todo».

O mandatario municipal non se mantén alleo ás críticas da oposición e ás voces que sosteñen a existencia de negociacións ocultas e dalgunhas puntuais entre os distintos partidos con representación municipal.

Ante un panorama que non se aveciña tranquilo no ámbito da gobernabilidade municipal, Suárez Barcia chama ao entendemento para sacar adiante os proxectos dos que se beneficiarán os ribadenses: «Todo o mundo poder ter aquí un papel importante. Creo que a xente quedou aburrida de tanta crispación política. Aos cidadáns non lles gusta que os políticos esteamos sempre á gresca e, por isto, pídolle a todos os portavoces dos grupos políticos diálogo no estudo de moitos asuntos importantes».