«Volvemos a Viveiro porque a acollida foi moi boa»

A. Porral

A MARIÑA

Nut Teatro presenta esta noite a obra «Psicose 4.48» que trae á comarca as novas propostas do teatro galego

02 sep 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Corren novos tempos para o teatro. Novas propostas comenzan a xurdir da man dun grupo de xente nova con ideas claras e cun compromiso que vai máis alá do concepto ermético co que se entendía tradicionalmente o teatro. En Celeiro, atopamos a Andrea Pino, unha moza de vintecinco anos que participa hoxe, como axudante de dirección de Nut Teatro, a obra Psicose 4.48 , un alegato da crónica do suicidio da autora Sarah Kane.

-O título di bastante, pero ¿podería adiantarnos o tema principal da obra?

-Conservamos o título do texto orixinal, 4.48 é a hora na que máis suicidios se cometen por estadística, e aínda que non é autobiográfica, a autora fai unha dramaturxia do súa propia morte. É unha obra que nos gustou moito porque ten unha grande forza expresiva.

-¿Por qué se fala dun novo teatro galego?

-Creamos a compañía hai só dous anos en Compostela e estamos tendo moi boa acollida. Pero non só nós, hai moitas compañías de recente creación que están introducindo novas linguaxes no teatro galego e xa se está empezando a crear unha identidade propia cunha grande acollida entre o público.

-Vostede é de Compostela, pero hai algo que a une a Viveiro....

-Sí, nacín alí pero a miña nai é de Celeiro e veño desde pequena por aquí.

-¿É a primeira vez que presenta unha obra na comarca?

-Xa estiven coa compañía Nut Teatro en febreiro presentando no teatro Corpos Disidentes, unha obra que quedou finalista no festival Simulacro de Benicassim . Nesa obra eu era a actriz principal, nesta son a axudante de dirección e co-tradutora da obra. A acollida foi tan boa que non nos pensamos o de repetir.

-Polifacética entón...

-Sempre me interesou moito a dramaturxia, agora estou aprendendo da man de Carlos Neira, o director da compañía, pero espero, nun futuro próximo, poder adicarme de cheo ao teatro.

-¿Que acollida están recibindo do público?

-Estreamos a obra en Santiago e a experiencia foi tremenda. Tamén estivemos en A Coruña e Vigo e obtivo unha grande resposta do público. A obra está tendo moi boa acollida, estamos intentando facernos un oco no panorama teatral galego, creando a nosa propia liña de traballo e con perspectivas de facer un proxecto de futuro que siga evolucionando o concepto do teatro e mantendo a nosa propia marca e identidade.

-A obra é ás nove da noite no Teatro Pastor Díaz, ¿que lle diría á xente para que fose?

-Que van a ver algo novo e diferente. É un texto moi difícil que ten múltiples interpretacións. Eu creo que ao público temos que darlles cousas novas e diferentes. É cuestión de empezar a abrir e cambiar formatos.