Entrevista | Enrique Fernández Despois de 24 anos como político e alcalde chegou a súa primeira derrota electoral. Enrique Fernández deixará a alcaldía de A Pontenova sen xenreira e ofrecéndose a colaborar
02 jun 2007 . Actualizado a las 07:00 h.?nrique Fernández fala do final dun ciclo, dunha etapa na que A Pontenova avanzou, e que el iniciou entrando en política como independente, nas filas do PSOE, para reivindicar que Os Fornos fosen para o pobo. Logrouse. Despois veu un cambio para o PP, «para conseguir máis cousas para A Pontenova», do que non se arrepinte en absoluto, e fala da axuda que recibiu en todo momento do presidente da Deputación, Francisco Cacharro, co que se sinte en débeda. -Fixemos moitas cousas, aínda que supoño que non foron a gusto de todos. Agora a cidadanía optou por outra forza política e non teño nada que obxectar. -¿E por que foi así? -Puido afectar o baixón xeralizado que sufriu o PP, pero tamén cuestións persoais miñas, familiares, que me impiden residir todo o tempo que eu quixera na Pontenova. -Se bota a vista atrás, ¿está feito do seu traballo? -Si. Fixéronse moitas cousas, o polígono, o instituto, a casa de cultura, o museo do salmón e o de Conforto, o cuartel da Guardia Civil, vivendas sociais, encauzouse o río, temos para inaugurar unha mini residencia con vinte camas... estou satisfeito. -¿E agora que? -Entrei en política xa como alcalde e agora vou estar na oposición. O que pretendo é estar sempre a carón do equipo de goberno en todo aquelo que poda beneficiar aos veciños de A Pontenova. O compromiso que teño, eu persoalmente e toda a candidatura do PP, é traballar para conquerir cousas para A Pontenova. E neso estaremos. -¿E que lle queda no tinteiro? -Que se abra a mini residencia, concluír o encauzamento do río ata a Chousa de Vilaodriz, entregar as concentracións parcelarias e a mellora da estrada a Riotorto. Son cousas que xa tiñan que estar feitas, pero por diversas cousas fóronse retrasando. -¿Que balance persoal fai da súa etapa como alcalde? -Eu tiven adversarios políticos, pero nunca inimigos. Nunca pretendín facer cousas para fastidiar a alguén, o que ocorre é que ao mandar, na toma de decisións sempre pode haber alguén que saia prexudicado. De iso son consciente, pero penso que a xente ten claro que nunca lle quixen facer mal a ninguén. Iso é moi importante telo claro no mundo da política. -¿Síntese apreciado na Pontenova? -Pois si. Teño que deixar moi claro que por este resultado electoral non me sinto resentido, nin moito menos. Eu sempre vou a estar aí, no que poda axudar á xente, tanto a nivel político como persoal -Pero supoño que non esperaba este resultado. -Claro que non, pero os electores valoraron outras cousas e eu por suposto que respecto o seu voto. Pero non me sinto ferido, son cousas da política que hai que aceptar. -Catro anos máis, pois, na política. -Catro anos máis, se a saúde e as condicións persoais o permiten, nos que seguirei traballando dende a oposición para o que faga falta.