Soño de Nadal (I)

| XOSÉ ROMÁN ESCOURIDO BASANTA |

A MARIÑA

FORO PÚBLICO

03 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

CANDO CHEGAN ESTAS DATAS comézanse a escoitar as mensaxes propias do Nadal e un lembra que ten que buscar un oco na súa axenda para se achegar ata Begonte. Desde hai unha trintena de anos, Begonte é, para moitos, unha cita obrigada. Coma se dun santuario se tratase que convoca a uns peregrinos ansiosos de se atopar coa representación do nacemento de Deus que se fai Salvación. Outro ano máis achegueime ata Begonte e aproveitei para gozar da paisaxe e paisanaxe da Terra Chá. Enxerguei como o río Parga bica os pedrouzos do camiño e mesmo canturuxa algún retrouso. Contemplei os carballos e piñeiros saudándome ao paso cunha reverencia solemne e agarimosa... Ao chegar, como canda ano, retrotraínme no tempo e contemplei de novo a historia abraiante do nacemento do Neno Deus. Sentín como o soseso e calma me foron impregnando. Revivín como as horas e os días daquelas diminutas figuriñas me regalaron anceiros de convivencia harmoniosa nun lugar no que se respira unha tranquilidade que non é fácil de atopar no mundo de hoxe en día. Ao rematar a miña estadía, quedei tranquilo por ter cumprido unha promesa, a visita anual ao belén desde apaixonante lugar da Terra Chá. De volta da romaría, quixen visitar a Virxe de Saavedra, situada nunha carballeira na que reina a paz e na que se sente o cantar doce de varias fontes e regatos. Entrei na casa da Nosa Señora e pregueille as súplicas que levaba no recuncho do meu corazón. De súpeto, fixeime que lle faltaba o neno Xesús. Ao saír pregunteille a un veciño que empurraba dunha carreta chea de verzas a que se debía a ausencia do neno da Virxe. El replicoume que había uns días que desaparecera... Cheguei á miña casa canso da viaxe, metinme no medio das mantas e pegoume o sono... Ao día seguinte non daba creto do que eu vira durante a noite, atopábame un tanto intranquilo pero ao mesmo tempo moi gozoso daquel soño tan agradable. Vin un resplandor moi forte e polos camiños e atallos ía andando, como nunha nube, un neno pequerrecho. Descubrín ao instante que era o neno Xesús da Virxe de Saavedra... No percorrido parouse diante dunha velliña que estaba chorando preto da súa casa. O neno regaloulle un sorriso e preguntoulle: «Que lle pasa?», ela un tanto asustada, replicoulle: «Os meus quéreme levar para un asilo, din que non me poden atender. Fíxenlles as partillas dos terreos, pero agora que xa non teño nada non hai quen me queira. Eu non quero deixar a miña casiña, as miñas leiras, que xa non son miñas, os meus animais... Qué triste é ser vella e que ninguén te queira!». O neno Xesús animouna e díxolle que lle daría unha boa recompensa polo seu sufrimento