Entrevista | Fernando Suárez Barcia O voceiro do BNG considera que o concello ten que consolidar o seu carácter referencial, que xa amosa en cultura con actividades como o festival On&Off
03 ago 2006 . Actualizado a las 07:00 h.Fernando Suárez Barcia é o primeiro tenente de alcalde de Ribadeo e concelleiro do Bloque Nacionalista Galego. Fala con entusiasmo do Ribadeo que quere, do Ribadeo que desexa: «Estamos nun momento crucial. Non digo nada novo cando afirmo que somos un referente turístico, que temos un importante sector comercial, que temos o perfil dun concello con liderazgo, pero queremos consolidalo. Do que se trata é de crear unha imaxe de Ribadeo que pivote sobre a calidade de vida. Estamos nunhos anos cruciais. Dentro de pouco imos contar con novas infraestruturas en funcionamento, como a autovía, coa que será máis sinxelo achegarse a Ribadeo, pero tamén irse. Por iso temos que estar preparados. Dende o ponto de vista cultural, por exemplo, todo ese rexurdimento que dende a delegación municipal de Cultura se ven conquerindo dende fai tres anos responde a unha estratexia. O festival On&Off é un exemplo. Non é gratuíto que sexa un referente a nivel galego, como as xornadas de patrimonio, Mar por Medio, etcétera. -Por suposto. A cultura tamén se ten que ver como un negocio, que atrae xente, xenera riqueza e serve de escaparate para Ribadeo. Todo vai na liña de facer de Ribadeo unha pequena cidade, estruturada, con servizos axeitados, como de feito xa ten, pero que necesita vertebrarse moito máis. -Parece que se refire ao urbanismo. -Certo. Iso está relacionado coa postura do BNG coa expansión urbanística e o novo plan xeral. Apostamos por un Ribadeo moderno, de futuro, pero fuxindo da especulación, que xa forma parte do pasado. -¿A que contribúe o BNG para acadar o obxectivo? -O BNG intenta dar todas as pinceladas que pode nas súas áreas de acción de goberno. Na cultural; en obras, de aí a nosa aposta pola peatonalización de rúas e pola mellora do casco vello, e en educación. Si por exemplo falamos de comercio aí están as campañas de formación dende a área de Desenvolvemento Local, o concurso de tapas, a recuperación do mercado dos domingos, ou o próximo plan de potenciación da praza de abastos. E en xuventude fomos un referente coas noites activas.