Xogar co futuro

VICENTE MÍGUEZ

A MARIÑA

DESDE LA GRADA | O |

14 mar 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

?EÑEN de proclamarse campións galegos xuvenís de fútbol sala e representarán a Galicia na final da Liga Nacional en maio, nun lugar da xeografía española por designar. Son doce xogadores do Puerto Celeiro, que adestra Manolo Calpita; a maioría xa se coñecen das categorías inferiores e levan anos compartindo a experiencia do deporte. Acadar o título outórgalles un éxito que merece ser valorado nesta sociedade da globalización coa que amenceu o milenio e que semella apagar todas as luces á verdadeira diversión. Mentres van gañando terreo os falaces paraísos prometidos que alucinas en colores coas pastillas e o botellón entre unha xuventude abocada ao desnorte; mentres os intereses creados, medios de comunicación e políticos enturban unha solución valente que lles usurpa un destino mellor á rapazada, e mentres a corrente de opinión se instala na resignación, aínda hai esperanza. Hai vida no máis acá, neses nen@s e xoves que atopan en iniciativas coma o deporte unha actividade que lles restitúe a ledicia da saúde, que non é pouco, e a recuperación dun hábito que o televisor e demais maquinaria deixaron en desuso: a camaradería. Velaquí doce mozos que veñen competindo por toda Galicia coñecendo o país no que viven e a outros rapaces que coma eles escolleron un camiño que se non os vai levar á gloria, conduciraos con prudencia na procura dese ben tan escaso do que a cultura reinante da insensatez nos priva: a felicidade. Noraboa! Porque os loureiros do triunfo xamais se murchan e porque non hai maior patrimonio có de saber xogar co futuro. Fomentar o deporte base ha de ser unha prioridade para as institucións, patrocinadores, clubes..., pola función social que aporta á colectividade. Nos tempos que corren, camiño de ningures, na asoballadora escalada de violencia e vandalismo que deixou a subversión de valores e referentes, ata o deporte engade o plus da prevención, constituíndose nunha aposta de menos custo e máis segura cá rehabitalización e reinserción social. E como dixera Julio Cortázar, "na vida, coma no amor, hai que apostar ata o último centavo sobre o tapete, para arruinarse... ou facer saltar a banca".