A ministra impresionada

A MARIÑA

A TRIBUNA | O |

18 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

NEN sequera dous días durou a primeira estadía oficial da ministra Magdalena Álvarez na Mariña. A piques de cumprirse un ano, parece que semellaron suficientes porque na súa memoria quedaron gravadas vivencias daquelas horas. Contounas nun programa de televisión pensado para amosar a cara b de políticos e outros famosos. Á ministra que pronunciou o xa famoso «plan Galicia de m...», véuselle moito máis relaxada que naquelas imaxes filtradas doutra entrevista na que se enfureceu cando lle prantexaron preguntas incómodas. Con Eva Hache no papel de confesora predisposta a darlle a absolución, Magdalena Álvarez aplicouse para reconciliarse coa audiencia. Nesas andaba cando lembrou a peor e a mellor experiencia do seu mandato como ministra. Viviunas neste apartado anaco de terra e mar, cuxo nome puido esquecer, ou non. O encontro en Burela coas familias dos tripulantes do Siempre Casina marcouna ata o punto de recordalo como o seu peor trance como titular do Ministerio do Fomento. Cando só se sabía que ao naufraxio sobrevivira un home e aínda faltaban oito, clamábanse respostas, sen renunciar a atopar algún máis vivo. Nesa eterna e tensa espera, a ministra quedou impresionada cos sentimentos que puido palpar. A bordo dun remolcador, na ría de Viveiro, Magdalena Álvarez asistiu en directo ao complexo operativo que permitiu aos buzos localizar os corpos de seis tripulantes no interior do pesqueiro. Segundo contou en Noche Hache , coas impresións dese longo día aprendeu a apreciar máis o duro e anónimo traballo do persoal de salvamento marítimo, que unhas veces salva vidas e outras só pode recuperar cadáveres. Se a ministra quedou tan impresionada como dixo na tele, nas súas mans está decidir cando o Ministerio de Fomento aclarará por que, de súpeto, un barco tan novo como o Siempre Casina acabou devorado polo mar despois de levantarse de proa e afundirse de popa. Despexar as incógnitas dun naufraxio tan inexplicable pode axudar a evitar outras traxedias similares. A responsabilidade é súa.