Cualquier tiempo pasado fue mejor

FRANCISCO L. RODRÍGUEZ GUERREIRO

A MARIÑA

FORO PÚBLICO | O |

06 dic 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

VIMOS de enteirarnos que Guerreiro é o que corta o bacallao á hora de decidir os investimentos públicos do Concello. El é o que ten mando, a autoridade, en fin o que lle pon o rabo ás cereixas. Fala o concelleiro portavoz da oposición da ausencia de investimentos nas parroquias e di que 'las obras de la calle de Guerreiro son las únicas del bipartito'. (Aja dixit). Leva razón. O bipartito nada fixo nas parroquias agás de reparar de cando en vez 'la calle de Guerreiro'. E é por iso polo que agora non se pode traer aquí un relatorio de obras do Concello dende xuño de 2003 a hoxe. Non hai investimentos, a brigada de obras está de vacacións e o bipartito vive de rendas. Ao César o que é do César: todo se fixo antes de xuño de 2003. Despois del, 'encefalograma plano'. ¿Onde vai a tremenda producción de placas de bronce modelo 'inaugurose-esta-obra-siendo-alcalde'? ¿Onde van os investimentos en cemento e luminarias nas fincas particulares? ¿Onde vai aquel trasfego de peixe e marisco? ¿Onde están aqueles fillos adoptivos que tanto nos socorrían? Só queda a copla de Manrique: «Cuan presto se va el placer / cómo, después de acordado / da dolor / cómo, a nuestro parecer / cualquier tiempo pasado / fue mejor». E unha primicia de última hora. Co fin de que as parroquias teñan o que merecen e todas reciban un mesmo trato, o goberno municipal -se da superado o encefalograma plano-, podería dispor que Guerreiro viva cada mes do ano que vai entrar nunha parroquia distinta. Como os meses son doce e hai trece parroquias, o problema resolveríase deixando fóra -só no 2006- á de Covas. Esta xa ten abondo coas obras 'de la calle del Conexo'. (Así, en castrapo, Aja dixit).