Entrevista | Victorino Jul Rodríguez O 5 de decembro é o Día Internacional dos Voluntarios. Un mariñán fala da súa laboura e da satisfacción persoal que da
03 dic 2005 . Actualizado a las 06:00 h.Comezou con 17 anos como voluntario de Cruz Vermella. Leva oito anos de experiencias gratas, outras amargas, pero todas co seu valor. É un dos máis de 90 millóns de voluntarios que teñen Cruz Roja e a Media Luna Roja, millóns de mans dispostas a axudar. «Caín na Cruz Vermella de casualidade. Sempre me chamou a atención pero de maneira distante. Todo empezou un día que vin no xornal un anuncio de primeiros auxilios», di Victorino Jul. Foi involucrándose cada día máis -«Sempre mo facilitaron moito», engade, agradecendo o apoio do delegado en Burela, Ángel Fernández- dando os primeiros pasos na área de socorros e emerxencias. O feito de ser buzo contribui a que lle ofreceran sumarse ao servizo marítimo, formando parte dun grupo de submarinismo e sendo buceador da embarcación de salvamento Saturno. -¿Por onde estendeu o seu camiño en Cruz Vermella? -Son formador en socorrismo acuático, transporte sanitario e primeiros auxilios. Estou moi metido na formación dos novos voluntarios. Reciben formación continuada. Ademais, Cruz Vermella nos últimos tempos está facendo unha gran laboura en distintas áreas. Tamén damos cursos externos á organización a outras entidades (forzas e corpos do Estado, vixiantes...) e tamén traballamos cos institutos. -¿Cre que se debería fomentar ese tipo de formación dende as aulas? -O coñecemento dos primeiros auxilios debería estar incluído na formación escolar. Hoxe está demostrado que con coñecementos básicos se poden salvar moitas vidas. -¿Cal é o máis interesante de ser voluntario, dende o seu punto de vista? -O que decida ser voluntario esperando que lle colguen medallas ou o louben, que non veña. O que sinto eu é unha satisfacción persoal. Poder axudar a unha persoa nunha situación comprometida, a alguén que o necesita, vale máis ca ouro. É o máis reconfortante de ser voluntario. -¿Valórase o suficiente ou sucede o contrario? -Sinceramente, creo que está pouco valorado, en calquera organización. O voluntario dá parte do seu tempo e da súa vida. E non é fácil. -¿Cales son, para vostede, os momentos máis amargos que pode vivir? -Cando estás só fronte a unha persoa cuxa vida está nas túas mans. Anque podes sentir inseguridade, sempre botas man a que te formaron correctamente. Nas oficinas centrais temos psicólogos á hora dun estres postraumático despois dunha intervención. No meu caso, vivín de cerca a traxedia do Siempre Casina a través do apoio da ambulancia e nos funerais. Si notas o sufrimento. E cando foi o verquido do Prestige, a Cruz Vermella estivo loitando todos os días. Tamén me lembro dun día que solicitaron un equipo de buceadores para ir a Lugo. Paramos a auxiliar a un vehículo e dentro había unha persoa que recibira un tiro. Fora un atraco. Ese día non se me olvida. Quizais foi a primeira vez que pensei: «Mórreme». Esas cousas márcante. -Pero hai moito de positivo, ¿non é así? -Satisfaccións hai moitas, non só en emerxencias, tamén a nivel social. Como disfrazarte de rei mago e recibir o sorriso dun neno. Tamén hai moito compañeirismo. Somos como unha pequena familia. En Burela hai 18 voluntarios en activo e 200 inscritos. «Os delegados son os primeiros voluntarios», subraia Jul.