Entrevista | José Manuel Yanes Ginzo
13 ago 2005 . Actualizado a las 07:00 h.Consciente das necesidades que teñen os municipios do interior, o alcalde de Trabada, José Manuel Yanes Ginzo (PP), concédelle unha grande importancia aos proxectos que melloren os servicios e a calidade de vida da poboación rural. -¿Que caracteriza Trabada nos últimos tempos? -É evidente que hai unha tendencia ao despoblamento, que ten características similares ás doutros concellos, pero estamos procurando asentar poboación no ámbito municipal. Á vez, nos últimos dous anos hai un repunte na adquisición de vivendas abandoadas, por parte de madrileños e cataláns que as compran para restaurar e destinalas a segunda residencia. -¿Que proxectos ten o Concello en curso? -Trabada é un concello cunha riqueza forestal moi grande, e tamén gandeira, porque a producción láctea é moi importante. Apostamos forte pola concentración parcelaria de montes, para rendabilizar as explotacións forestais. E para fixar poboación, a principios do 2006 entregaranse as primeiras dezaoito vivendas de protección oficial. Tamén estamos construindo un área recreativa na Fraga de Belosiña, un bosque autóctono. Acábase de adxudicar un proxecto de embarcadoiro interesante na beira do Eo. -¿Atenden de forma especial as parroquias? -Rehabilitaremos as antigas escolas de Valboa, Vidal, Sante, Trabadela, Vilarbetote e Penela, para convertilas en locais socioculturais. Pretendemos dotalas de medios audiovisuais e tecnolóxicos para que cumpran unha labor dinamizadora, de cara aos veciños de Trabada. -¿O turismo rural é unha opción de futuro? -Xa temos varias rutas, refuxios, fontes e instalacións sinalizadas. A través da financiación do Leader Terras de Miranda, somos un dos concellos que máis aposta polo desenvolvemento dese tipo de turismo. Hai o pazo de Terrafeita, e estanse rehabilitando varias casas que se convertirán en hoteis. -¿Que esperan da nova Xunta? -Que nos traten igual que o goberno do PP tratou a Ribadeo ou a Foz. As institucións deben estar por encima dos avatares políticos. Seguiremos reivindicando o que cremos que se nos debe conceder, pero sen catastrofismos.