A TRIBUNA | O |
07 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.GALICIA segue desangrándose polas mesmas feridas: desindustrialización, emigración e pesca. Prosegue resignada facendo as maletas, coa cidadanía embarcando en A Bacolla e desinflando o índice de natalidade. Galicia continúa sendo a do Prestige e a do Siempre Casina: famosa na desgracia e esquecida no cotidiano. A pesca, un dos sectores máis representativos da identidade galega, estana levando á ruína pola vertixinosa alza do gasóleo (¿pero non se fora á guerra de Irak para controlar o petróleo?). Cos prezos disparados no combustible, hai dez días pincheiros de Celeiro venderon a 0,80 euros o quilo de pescada. Un producto co certificado de calidade que na praza pasou a 3 euros. ¿Que protección no mercado teñen mariñeiros e armadores cando por Vitoria entra pescada chilena, arxentina e de Namibia? ¿Por que non se publican as cifras de peixe que nos invade de Francia, Holanda ou Walbis Bay? ¿Quen defende os intereses da pesca? ¿Onde van os sindicatos e os políticos? ¿Que silencio os acovarda diante da agravada situación do sector pola escalada do prezo do gasóleo que xa condenou ó amarre ás flotas de Huelva e das Rías Baixas? ¿Que medidas de choque se van tomar ante a indefensión da xente do mar que, por riba, vense obrigados a un paro biolóxico que en Euskadi si é subvencionado? A Confraría de Celeiro tramitou axudas ás que se acolleu toda a flota, e o Ministerio de Agricultura e Pesca para compensar o incremento do crudo, subvencionou de outubro do 2003 ó de 2004 con 0,06 euros/litro. Pero o prezo, daquela en 0,27 desfasouse hoxe ata os 0,36. ¡Alá vai a compensación polo mar abaixo! Pero, ¿impórtanlle a alguén as xentes do mar máis que para saír na foto dun naufraxio indignantemente despachado? ¿Impórtanlle?