De política e carnaval

A MARIÑA

A TRIBUNA | O |

11 feb 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

AÍNDA QUE non tiven a oportunidade de ver e disfrutar de todos, e menos o martes de carnaval no que coincidían bastantes, si fun espectadora dalgún dos carnavais mariñanos. En xeral e a simple vista, a parodia política pareceume máis ben un ingredente de excepción no antroido. Creo que hai anos víalles aos participantes máis picardía e entusiasmo á hora de imitar aos seus gobernantes e os conflictos locais en clave de humor e ironía, e sacándolle a punta aos temas candentes do municipio. Agora, polo que eu vin, son contados os participantes que fan versión carnavaleira dalgún tema político local. Encontro que esa é a chispa verdadeira desta festa. Este ano a localización do parque de bombeiros en Cervo e non en Viveiro foi motivo de inspiración no carnaval viveirense, con simulacro de incendio incluido, e en Ribadeo a famosa estatua de Ibáñez, que tamén tivo a súa polémica nos seus días, paseou polas rúas da vila tan campante. Fraga tamén apareceu, como un clásico dos carnavais, e esta vez en relación coas súas recentes declaracións sobre o preservativo. O ano recén estrenado, seguro, seguirá producindo temas nos que inspirarse de cara ao seguinte antroido. Hai campaña á vista.