A TRIBUNA | O |
02 dic 2004 . Actualizado a las 06:00 h.OS MARIÑEIROS traballan de noite coa luz da lúa; pero o máis importante, sen esquecer as cancións populares, é que o fagan en boas condicións e que a pesca siga a ser un dos motores económicos da comarca. Sobre o mar tense escrito moito; pero un, sen deixar de admirar os grandes personaxes mariños, sente que algo interesante está a pasar se xente de Indonesia vén traballar aos barcos da Mariña, como moi ben contaba o outro día a miña compañeira Mar García nunha crónica. Os médicos poden dar unha dimensión tan heroica como a dos mariñeiros, e nin sequera fai falla saír da Mariña para atopar médicos -velaí Leiras Pulpeiro- que en épocas máis difíciles traballaron cunha entrega total aos enfermos. Pero máis alá de vidas exemplares algo pasa cando nun oficio como o de médico non se cobren as necesidades, e un cre que os poderes públicos e docentes deberían reflexionar algo sobre iso. O caso do pediatra de Ribadeo é todo un síntoma. ¿Non podemos ter médicos de fóra se fan falta? Os labregos teñen inspirado novelas, poemas e cancións como a xente de calquera outro oficio. Pero se algún día vexo xente de fóra coidando vacas ou plantando patacas e así deduzo que o campo aínda ten futuro, terei unha alegría superior á dunha emoción artística.