A mala educación

A MARIÑA

A TRIBUNA | O |

16 oct 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

ATRÁS quedan os ruídos da rúa, camións, coches e motos circulando. Dentro, na planta baixa, voceciñas infantís e o persistente son dos teléfonos. No primeiro descanso das escaleiras, un runrún que despois é murmurio e acaba en barullo, en atronador alboroto. Na parede, entre outros, un cartel impreso pregando silencio. Moi cerca, un manuscrito cunha mensaxe máis contundente: «Hoy tengo fiebre yo, mañana puedes tenerla tú». De pé ou sentadas, ducias de persoas, a meirande parte formando corros. Animadas conversas nas que cada quen conta o que lle da a gana, máis de un sen pudor para fachendear todo o que pode e un pouco máis. No medio de tanto follón, escoitarse, que non sempre entenderse, obriga a ir subindo o ton. O ruído medra e persiste ata que un home o unha muller con bata saen con papeis dalgunha das moitas portas que rodean o escenario. Breve silencio. ¿Respecto aos carteis? Non, treguas interesadas, do contrario a ver quen se entera de cando lle toca a vez. No medio dese cento de persoas, oito ou dez caras de sofrimento e resignación nas que non repara a maioría ruidosa e ensimesmada. Pacientes, eles soportan como mellor poden unha espera que a desvergoña de algúns fai interminable. A escena repítese a cotío no ambulatorio de Viveiro, entre outros. De pouco valen as chamadas de atención de médicos e enfermeiras. A mala educación de quen non respeta os dereitos dos demáis agrava neses intres as doenzas de quen realmente se atopa mal. Visto que unha norma tan elemental como a de minimizar os ruídos nos centros sanitarios a penas é respectada, alguén debería prantexarse penalizar aos barulleiros. Por exemplo, obrígandoos a voltar outro día.