As San Lucas, nada menos

A MARIÑA

A TRIBUNA | O |

15 oct 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

HABERÁ MOITAS razóns que inflúan na personalidade de vilas e cidades, sen dúbida. Sen saber ónde está a causa e ónde a consecuencia, a un parécelle que existen non poucas semellanzas entre a estrutura urbana de Mondoñedo e algúns comportamentos colectivos: boa parte do casco histórico comeza e remata no mesmo lugar, a praza da catedral, de igual modo que moitas reacións mindonienses están máis preto da reflexión ca da actividade. ¿Fai falta, por exemplo, que se constrúa un amplo bulevar para que Mondoñedo sexa máis dinámico? Pero como estes son días de festas, pouco importan os debates tendo por diante un programa tan amplo coma o das San Lucas deste ano. Reflexionar sobre as festas nunca será tan gratificante como participar nelas: a un lle parécelle que unhas feiras que teñen 848 anos de historia (leron ben, 848 anos de historia) non teñen aínda o nivel de difusión que poderían acadar, pero tamén se pode pensar que o mellor aínda está por chegar e que disfrutar das festas este ano e o que vén son boas maneiras de preparar os 850 anos das San Lucas. A desfrutalas, pois. E se se queren reflexións estes días, hai un asunto ao que un, por máis voltas que lle dá, non lle atopa resposta. ¿Non deberían ser máis coñecidos os riquísimos pasteis de Mondoñedo? ¿Terá a culpa o dominio absoluto das tartas? É só unha reflexión das moitas que se poderían facer, pero quizais a máis apropiada nestes días festeiros das San Lucas. Compre festexar As San Lucas, hai oito séculos de tradición ás costas; de festa. Iso si é tradición.