Un alcalde en bicicleta

| XOSÉ CARLOS CID TESOURO |

A MARIÑA

FORO PÚBLICO

13 oct 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

TOTALMENTE abraiado, é como me quedei ao ver como o alcalde de Ribadeo ven de descubrir o gran invento da bicicleta, nada menos que en Xixón, e visto o visto vai ofrecer o seu uso para paseos e rutas, supoñemos que pola vila de Ribadeo e arredores. Un aplauso, que ben o merece, pero mire, para os usuarios convencidos da ventaxe do seu uso case nos dá a risa, e me imaxino que as mulleres que as utilizan para vir ao mercado dos mércores ou simplemente para desprazarse pola vila supoño que lles pasará igual. Faga o favor de ser serio e non traballar tanto para a galería e por exemplo preocúpese de fomentar o seu uso creando espacios para aparcalas, permitindo poder transitar polas zonas peatonais (como en Santiago e tantas cidades europeas) porque peóns e bicis poden convivir, non nos empurre a ter que compartir espazos cos coches onde non existe o máis mínimo respeto, cree carrís-bici, fomente o uso para que os escolares vaian aos seus centros en bici así como os traballadores (ao igual que en moitos sitios de Europa). Tamén lle pediría que se acorde máis dos que vivimos todo o ano en Ribadeo e non só dos turistas ou veraneantes que nos visitan. Por certo, no novo aparcamento estrenado non hai un triste lugar para deixar as bicis, a pesares de que eu en persoa llo solicitei ao tenente alcalde, Fernando Suárez, en dúas ocasións, pero claro... as bicis non dan votos. Por certo, tamén cando o señor Duarte era concellal do grupo de governo lle foi presentado un plan de creación de aparcadoiros para bicis que el mesmo inspeccionou co sarxento da policía, pero tampouco se dignou a facelos; pena que daquela este concellal non usara as mesmas gafas que ten desde que está na oposición onde todo o que antes era branco agora veo negro, ¿ou será que antes non vía e agora sí? Espero que se algo fai conte coa opinión dos usuarios e nos proporcione unha guía coa situación definitiva das direccións prohibidas, máis que nada para non convertirnos en infractores. Un último consello, cando viaxe por Europa, que me consta co fai, fíxese no tratamento que se lles dá as bicicletas e os seus usuarios, compáreo co noso, reflexione e logo actúe.