Doar, un xesto con corazón

A MARIÑA

A TRIBUNA | O |

21 jun 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

SEN DÚBIDA, unha das virtudes máis apreciadas que ten o ser humano é a súa capacidade altruista, a súa xenerosidade. En vida podemos axudar cunha pequena cantidade ao mes a unha ONX, apadriñar un neno ou un ancián dun país subdesenrolado, adicar unha parte das nosas vacacións a facer realidade proxectos de subsistencia nun rincón do Terceiro Mundo, practicar a bondade cun veciño con poucos recursos económicos... Son miles as formas que hai de contribuir a un mundo mellor, a fomentar a paz e a igualdade entre pobos. Pero a vida tamén finaliza para todos. Naide queda neste mundo. E aínda así, a morte segue a brindar novas oportunidades para que outra vida continúe. É o caso das doazóns, das que cada día se está concienciando máis a sociedade galega, e tamén a mariñana. Como ben o demostra a traxectoria do Hospital da Costa, situado en Burela, dende que acadou a categoría oficial de centro sanitario extractor de órganos. Así funciona dende mediados do 2002, como se lembrou a semana pasada nun artigo neste xornal. Resulta satisfactorio e moi grato suliñar que rexistre unha das taxas de doazóns máis altas, cunha media de dúas a tres por ano. O principal beneficio non é acadar un bo posto no ránking, claro está, senón ver que as seis persoas que como media se viron beneficiadas teñen outra oportunidade de vivir e seguir adiante. Converterse en doador de órganos é, ademais, un xesto moi sinxelo. Aínda que o consentimento final o dará a familia, basta con transmitirlle a esta a nosa vontade. Tamén están a disposición nos centros sanitaros tarxetas de doador, que non comprometen legalmente. Como di Miguel Ríos nunha das cancións do seu último disco: «La vida me convence con la vida». Así é.