A TRIBUNA | O |
08 may 2004 . Actualizado a las 07:00 h.EN RELACIÓN co intento de apropiación do monte veciñal en man común da parroquia de Trabada por uns poucos veciños agrupados na comunidade presidida por Daniel Villapol Valea, agradezo as chamadas e as palabras de apoio. Respecto á contestación da xunta rectora do monte veciñal, o que non ten argumentos ou cala ou recurre á descalificación, como é o seu caso. No ano 2000, en que se constituiu esa comunidade, quen suscribe presidía a Asociación Cultural O Picato, que contaba con máis de 400 socios e tamén formaba parte da directiva da APA do colexio de Trabada, polo que a falta de relación social que mencionan non a deben confundir coa relación con vostedes, xa que posiblemente o noso círculo de amistades sexa diferente, como afortunadamente tamén o son a forma de pensar e actuar. Nunca intentei impedir que ningunha empresa exercera a súa actividade en Trabada, quizais vostedes interpreten equivocadamente o exercicio dos dereitos dos demáis, por iso transcribo o solicitado na alegación presentada na exposición pública da apertura de Laminados Villapol. Gustaríame que Trabada tivese moitas industrias respetuosas cos dereitos do todos os veciños. Solicitei un novo prazo de exposición pública, facendo constar unha relación dos proxectos expostos, con difusión nos medios de comunicación e notificación persoal ós afectados; que se esixa o preceptivo estudio de incidencia ambiental da industria; que se extremen as esixencias en canto a medidas correctoras, dada a súa localización; que se certifique por técnico competente a adaptación da obra ó proxecto; que se prevean controles periódicos para velar pola protección da saúde humana e da conservación do medioambiente. Respecto á incorporación de novos comuneiros, alégrome de que a miña carta servira para ampliar a comunidade a máis veciños, e animoos a que incorporen a todos. Renego da «vida en armonía» que vostedes pretenden dictar, do silencio o que queren condear os que non asentimos. Vivimos nun estado de dereito, libre e democrático, ¡entérense dunha vez! Na súa boca as palabras hospitalidade, transixencia, paz, cariño, amistade e xenerosidade carecen de contido e recordanme o escritor Mario Benedetti cando ironizaba falando daqueles que entendían os dereitos humanos como os diestros do mundo.