As ilusións do inverno

A MARIÑA

A TRIBUNA | O |

20 feb 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

XA SE SABE que falar do tempo é un tópico; pero a un parécelle que falar, mesmo de tópicos, é un deporte máis ben saudable para todos nós, que nos conectamos a Internet todos os días e quizais non sabemos cómo se chama a persoa que vemos na rúa a cotío. Aplicando ese criterio, onte tivemos boas ocasións de practicar esa arte da conversa, porque non sempre podemos ver a neve ao abrirmos a ventá. E un cre que desa posibilidade se debería de tirar máis proveito, porque nun día de neve pódense plantear algunhas preguntas. ¿Cumprirase que año de nieves, año de bienes ? ¿Que sería das camelias que xa florecían nestas semanas pasadas, cun tempo de primavera? ¿Teñen as administracións públicas todos os medios necesarios para combater os problemas climatolóxicos do inverno? Pero a un, sen esquecer todo iso nin renunciar ao pracer da neve na paisaxe, parécelle que mesmo se podería converter un día coma o de onte en fonte de argumentos e de promesas electorais: non esquezamos que faltan tres semanas para as elecións e que a autovía do Cantábrico, cos seus avances e retrasos, non chega para ocupar toda a nosa atención deica o 14 de marzo. Entón, como saída do chapeu dun ilusionista, o arriba asinante anima aos políticos a estudiaren unha nova proposta de turismo, un asunto do que falan como auténticos expertos: ¿por que non unha estación de esquí na Mariña ou no Occidente?