A TRIBUNA | O |
18 feb 2004 . Actualizado a las 06:00 h.O SÁBADO atopei un artigo neste periódico que me deixou perplexa. Despois de pasarllo á miña familia, as súas caras a medida que a lectura avanzaba falaban por sí soas. Remito ó lector ó devandito artigo, titulado «Vecinos y Concello analizan un mejor control de los ruidos en Burela». Como veciña que se considera afectada, pregunteime si realmente estaría censada neste concello, posto que non recibín invitación algunha a participar na «reunión de diálogo». Así pois, pregunteille a algúns veciños e todos me deron a mesma resposta ¡non recibiran invitación! Seguín lendo e cando cheguei á parte que indica quen tiña previsto acudir á reunión observei que xa non se citaba ós veciños, senón ós «representantes das comunidades». Tamén me dirixín a eles e curiosamente a resposta foi idéntica ¡non recibiran invitación! Decateime entón de que o evento máis parecía un encontro preelectoral para preparar campaña que unha reunión na que realmente se reflexase a pluridade de opinións dos veciños afectados. De feito, ós veciños que alí nos presentamos denegousenos a entrada porque a reunión non era para os veciños ¿? É coma quen lle pon a vacuna da gripe a un adolescente cando a poboación principalmente sensible son os anciáns e os recén nados. A pesares diso, non perdín o positivismo e continuei a ler. «... las medidas que podrá acometer la Administración local, tomando siempre como referencia la ordenanza medioambiental vigente». -O Concello ten que botar man dela, non ten outra solución-. Revisei neste punto as miñas notas que como veciña afectada fun tomando e encontrei a ordenanza que data do ano 1999 e a súa reforma do 2000. Non son moi boa en matemáticas, pero van xa 4 anos (¡ai!, se para cobra-los impostos foran tan lentos...). Seguín a ler «se instará a todos los establecimientos a contar con doble puerta (...) "tres están sen ela (...) un máis a está instalando"». Pregunteime cantos anos levaban abertos sen elas, ¿non sabe que existe a responsabilidade civil e penal? Continuei. Todo eran perlas. «O peche do local para facer as obras foi algo voluntario por parte do empresario». E logo, ¿non é unha obligación? E cando lin o derradeiro párrafo non puiden conte-las gargalladas, sintoo. Levamos cinco anos dialogando sobre o mesmo, ¿non poderiamos cambiar xa de tema?