A TRIBUNA | O |
30 ene 2004 . Actualizado a las 06:00 h.NON É NINGUNHA novidade dicir que o sector audiovisual ten cada vez máis presenza en Galicia. Por enriba dos gustos de cada un e de opinións supostamente elitistas que aínda ven a televisión como un xénero menor, o produto galego vai conquistando novos horizontes. O que senta na casa para ver televisión está afeito a ver series que recrean a vida en vilas da costa ( Mareas vivas ) e do interior ( Terra de Miranda ), e ten agora a oportunidade de ver unha ficción de época ( As leis de Celavella) , iso que tanto gusta pola posibilidade de contemplar ambientes de antano. A un, malia todo, gustaríalle ver unha nova serie, para a que mesmo suxire un argumento. A serie tería algo de comedia de situación, con diálogos áxiles e enxeñosos, pero tamén algún contido psicolóxico, con personaxes cuxas vidas se irían coñecendo mellor a medida que avanzasen os capítulos. O protagonista podería ser un home ou unha muller, de non moitos anos en ningún caso; e a súa profesión, a medicina. O punto de partida sería a súa chegada a unha vila do norte de Galicia, moi semellante a Ribadeo, na que o protagonista comezaría unha etapa da súa vida como pediatra no centro de saúde. Na serie iríase contando xusto iso: a nova vida dun médico ou dunha médica de non moitos anos, que faría novas amizades, coñecería algunha persoa da que se namoraría, iría algunha vez ao cine e aos pubs da vila e tomaría o sol nos Castros ou en Penarronda. Se se analizase a vida real e a da ficción, veríase unha pequena diferencia, porque non semella doado que Ribadeo teña un pediatra. Pero xa se sabe que a forza da ficción está en conseguir que recoñezamos como auténtico o que só está na imaxinación dun creador.