A TRIBUNA | O |
27 ene 2004 . Actualizado a las 06:00 h.SEICA A ESQUERDA anda un pouco desorientada, e non me refiro ás improvisacións que ten que facer José Luis Rodríguez Zapatero cada vez que a algúns dirixentes do seu partido se lles ocorre dicir algo sabendo que hai xornalistas dispostos a recoller as súas palabras. A crise real da esquerda, que vén sendo un malestar algo semellante á melancolía dalgúns escritores do século pasado, procede de algo antes, da caída do muro de Berlín e da suposta falta de reacción para adaptarse aos posteriores cambios, lembrando os felices tempos nos que a socialdemocracia nórdica era o incuestionable modelo a seguir. Agora, xa se sabe, vivimos en pleno liberalismo, unha situación que só rexeitan os clubes de fútbol de primeira ou segunda división cando non poden cubrir as débedas da súa mala xestión. Pero semella malia todo que a fe no libre mercado non abonda para a prosperidade e que no fondo quedan unhas pingas de confianza en certas doses de intervencionismo. Velaí, por citar un exemplo que aparece no xornal de hoxe, o Concello de Mondoñedo, gobernado polo PP pero disposto a atraer empresas de enerxía eólica, medida moi necesaria nun municipio onde a iniciativa privada non xoga o papel que podería e debería desenvolver. Velaí tamén o papel dos Concellos da Mariña na promoción da comarca en Fitur, outra tarefa na que o sector privado segue a estár demasiado ausente. Pero calquera debe de estar de acordo en que neses dous casos, e noutros, a fin xustifica os medios.