Propietarios do mar

VICENTE MÍGUEZ

A MARIÑA

FORO PÚBLICO | O |

03 ene 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

ENUMERAR a retahíla de desfeitas que leva padecida a ría de Viveiro levaríanos á conclusión de que unha man negra persegue a cantos proxectos condenaron ó que era un mar de riqueza e fermosura convertelo nun charco infame de despropósitos. Erguer o varadoiro de Celeiro ó pé das casas, enterrando un tercio da praia; construir un peirao comercial no que non atracou nin o primeiro mercante; rechear Lavandeiras sepultando unha marabillosa praia; desviar o cauce do río Landro para convertelo nunha canle; derrubar o muelle vello para acabar sustituíndoo por un pantalán; ampliar o muelle norte (en contra da postura unánime dos partidos, que solicitaron un estudio de impacto ambiental e un informe batimétrico); arrasar con toda a riqueza de fauna mariña no navallal de Covas; perder o gran patrimonio da ría é un estrago producto do capricho de quen se cren propietarios do mar. Por se fose pouco, tralo precioso valado da zona portuaria entre Viveiro e o porto deportivo (a rexa está chantada no muro, é dicir, en dominio público municipal), agora coméntase que Portos proxecta continuar o valado ata Celeiro... Semella que a campaña da Xunta contra o feísmo urbano vai dirixida a outros, porque despois da lindeza de naves construidas ó pé da estrada, taponando a vista de todo viandante, faltáballe enrexar o mar... Coma se a tódolos particulares lles dése por valar as súas propiedades (solares, casas...). En Vigo, estes días acaban de conxurarse a Xunta coas tres forzas máis representantivas da cidade olívida para compatibilizar a ampliación de peiraos coa apertura ó público de espacios do litoral. A Asociación de Veciños de Celeiro ten trasladado a Portos demandas porque sostemos que consensuar progreso e respecto ó común dominio require actuacións racionais sobre o entorno (a tansolicitada rambla que ampare da alarmante perda de area en Celeiro). Un entorno do que os políticos son xestores, non propietarios; no que o valor das obras non o dá só o cemento dos técnicos, senón tamén a repercusión no usuario.