A voltas cos apagóns

A MARIÑA

A TRIBUNA | O |

11 nov 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

«TRANQUILO, a luz foise porque un paxaro pousouse nun cable e rompeuno». Era a mensaxe tranquilizadora que nos transmitía miña nai alá pola década dos setenta, nalgunha daquelas moitas veces nas que as velas e as linternas esvaecían ás tebras duns invernos que ós ollos dun neno pequeno parecían máis crus do que probablemente eran. Agarimados polos nosos pais, meus irmáns e eu recuperábamos así o acougo. Tres décadas despois, miña nai dille o mesmo ós seus netos nalgunha desas cada vez máis escasas veces nas que se interrompe o suministro eléctrico. Eles, como eu fai moitos anos, non entenden aínda que ese breve discurso agocha a realidade dun dos moitos males que lastraron este país, as deficiencias enerxéticas. A debilidade das liñas eléctricas era tal que bastaba o peso dun páxaro para rompelas. Hoxe melloraron moito as cousas, segundo as estadísticas oficiais que, como todas, hai que mirar con lupa e interpretar. Basta lembrar que durante todo o ano 1997 a duración media dos apagóns rexistrados na provincia era de 666 minutos, fronte ós 222 do ano pasado. Son as cifras dun informe de Unión Fenosa, que agora, cun informe de Unasa, matiza Begasa, a empresa que ten a concesión do suministro na nosa comarca. Segundo esa firma, para os seus clientes lugueses os cortes enerxéticos duraron o ano pasado un promedio de 160 minutos, o que supón menos que a media galega. Non explica se duraron o mesmo nas cidades que nas vilas ou nas pequenas aldeas. O lamentable é que ese inútil baile de cifras non resolverá situacións como as que vive a cotío miña sogra, quen non fai moitos meses estivo case tres días seguidos sen luz. Todo por residir preto dunha parroquia duns trescentos veciños moi alonxada do mundo, tanto que está a dez minutos de Viveiro.