LA TRIBUNA | O |
21 oct 2003 . Actualizado a las 07:00 h.ESTABAMOS EN TERCEIRO de BUP. Parte do contido da asignatura de Relixión estaba relacionado cos humanismos contemproáneos, e o profesor, don Ricardo Pena, díxonos: «No seu libro de texto hai unha boa síntese do marxismo. Léana ben, porque han atopar o marxismo por aí adiante e así saben o que é». A cita non é totalmente exacta; pero un cre que reflecte ben a actitude coa que don Ricardo nos explicaba a asignatura no instituto de Mondoñedo. Cando se dirixía a todos nós, tratábanos de vostedes. Era cordial unhas veces, moi serio outras, pero sempre coherente. Recomendábanos lermos a Biblia; pero tamén nos confesaba cánto o afectara, anos atrás, o asasinato de John F. Kennedy. Falábanos de Samuel Beckett ou de Jean Paul Sartre se o contido da asignatura o requería; pero non presumía de progre. E ademais -e un case diría que por enriba de todo iso- era o cura dos Remedios, e calquera que coñeza Mondoñedo sabe que ese é un posto especial, ó que el lle dedicou anos e entusiasmo. Agora que nos acaba de deixar, dígolle en futuro, don Ricardo, o que lle dixen en presente algunha vez: lembrareime de vostede e heino botar de menos.