Os primeiros mestres

LUCÍA REY INSUA

A MARIÑA

A TRIBUNA | O |

15 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

A SEMANA PASADA comezou con normalidade o curso escolar para máis de catro mil nenos mariñanos. Tan só houbo unha excepción. En Ourol os pais negáronse a levar ós seus fillos á escola por non estar dispostos a que unha das profesoras do centro, de quen rexeitan o seu sistema de ensino e o comportamento cos alumnos, seguise impartindo clases. É lóxico que os proxenitores sintan interese en coñecer ás persoas que se van encargar de ensinar ós seus vástagos. Un mal profesor ou o que é peor, un titor sen vocación, pode marcar a vida escolar de calquera rapaz dende os primeiros cursos. Os mestres non son mellores nin peores en función da súa idade, senón do amor que lle teñan ó seu traballo docente; e sobre todo de ser conscientes de que ese labor consiste en axudar ós máis cativos a descubrir os instrumentos que son imprescindibles para navegar pola vida. Canto máis pequenos son os nenos, máis grande debe ser ese compromiso. Un bo profesor non é sempre o que máis sabe, senón aquel que é capaz de transmitir con claridade os coñecementos que posúe. O recordo dos primeiros mestres acompáñanos durante toda a vida.