A TRIBUNA | O |
19 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.CANDO BAIXA a marea, non é difícil ver bancos de area entre Ribadeo e Castropol, moi preto xa da desembocadura do Eo. E tampouco resulta estraño que de cando en vez rexurda a polémica sobre o nome desa ría, con opinións que non cambian nin no fondo nin na forma: os da ribeira galega afirman que debe chamarse ría de Ribadeo e os da ribeira asturiana sen embargo opinan que debe chamarse ría do Eo. A polémica pode ter toda a importancia que uns e outros lle queiran dar, aínda que quizais non tanto coma algúns proxectos vencellados co Eo. Que Castropol e Ribadeo, antes con alcaldes populares e agora con alcaldes socialistas, desenvolvan xuntos un programa Leader Plus supón a existencia de recursos económicos sobre os que poden artellarse proxectos de conservación da natureza, de desenvolvemento sostible ou de turismo respectuoso sempre co medio ambiente. Que estes concellos decidan colaborar cos que comparten o Leader Plus Oscos-Eo permitirá a aplicación de máis iniciativas comúns, de xeito que esas boas intencións tantas veces expresadas poderán atopar unha canle que as faga realidade. Sen embargo, un cre que falando do Eo non se deberían esquecer outras cuestións. ¿Canto impactará a autovía sobre a ría? ¿Canto lle afectaría a posible construcción doutra ponte, prevista no proxecto de circunvalación de Vegadeo?