O mundo aínda é moi grande

A MARIÑA

LA TRIBUNA | O |

24 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

CADA QUEDAN MENOS lugares descoñecidos, o exotismo véndese a contío nas axencias de viaxes e o teléfono móbil soa nos lugares máis insospeitados e nos momentos menos esperados. Así é o noso mundo: xa non quedan sitios misteriosos agás que cada un de nós saiba ou queira poñerlles a dose necesaria de misterio ou de emoción, e calquera que se sinta capacitado para pintar de interese a súa vila ou o seu barrio debería contactar con calquera organismo público para expoñer o seu punto de vista, que seguramente remataría por converterse no xermolo dun eslógan ou dunha campaña de promoción. Sen embargo, un cre que se o misterio dun lugar depende ata certo punto de cada un de nós, algo de misterioso debe de ter un lugar cando centos e centos de persoas o descobren e coinciden en dicir que foi decisivo nas súas vidas: non pode ser casualidade que o Camiño de Santiago sexa o camiño das estrelas. Velaí outro signo dos tempos: o Camiño, aínda que sería mellor dicir os camiños, xa non é unha novidade, porque hai anos falábase do camiño norte como un elemento interesante para a súa difusión, e hoxe, na Mariña, temos albergues e peregrinos que os enchen tódolos veráns e que xa son habituais entre nós. Non é, por suposto, moi normal que alguén colla a bicicleta en Noruega e chegue a Santiago despois de facer parte da viaxe polo camiño francés, como fixo un rapaz de Mondoñedo nas últimas semanas e como recolleu onte este xornal. Pero se falamos de que o feitizo dos lugares depende da nosa vontade, o camiño é sen dúbida un lugar máxico.