A TRIBUNA | O |
22 abr 2003 . Actualizado a las 07:00 h.HAI VARIOS ANOS, no acto inaugural das xornadas Mar por medio, John Rutherford referiuse ó carácter aberto de Ribadeo cun símbolo. Dixo máis ou menos: «A chave que temos no noso escudo non pecha portas senón que as abre». E a un parécelle que iso é certo, xa que esas palabras nacían da experiencia. Hai xa moitos anos que John Rutherford aprendeu a abrir a chave que lle permitiu entrar en Ribadeo, e se a placa da casa natal do Vello Pancho di que o poeta naceu alí para non morrer, este inglés entrou na vila para non saír. Pero ademais a súa habilidade é xenerosa, porque permitiu e permite a profesores de todo o mundo descubrir Ribadeo coas xornadas Mar por medio, un simposio co que moitos estamos en débeda e do que nos sentimos satisfeitos. O seu traballo como traductor de Cervantes e de Clarín ó inglés e como impulsor do Centro de estudios galegos da Universidade de Oxford abondan para encher unha prestixiosa biografía intelectual, pero un cre que John Rutherford é tamén un diplomático de primeira liña: nada menos có embaixador de Ribadeo en Inglaterra, ese país co que limitan polo norte, mar por medio, Piñeira e Vilaselán.