A TRIBUNA | O |
21 abr 2003 . Actualizado a las 07:00 h.COMO A LIGA está emocionante, os comentarios políticos teñen por agora menos espacio cós prognósticos sobre as posiblilidades do Real Madrid, do Deportivo e da Real Sociedade e as conversas do café de media mañá ou de sobremesa vanse enchendo sen maiores problemas. A vindeira xornada, polo que dixeron esta pasada fin de semana Javier Irureta e Reinald Denoueix, ha ser moi importante, porque os tres primeiros clasificados xogan fóra da casa e seica se comprobará ben o seu estado antes da recta final. Entrementres, os partidos vanse preparando para o 25 de maio, que tamén será unha final, na que os resultados ademais durarán catro anos. Un partido sempre é un partido, e abonda con lembrar o Madrid-Barcelona do sábado, pero nas bancadas desta comarca non se percibe por agora moita paixón nin moita curiosidade polo que pase ese día. ¿Será que se ve todo como inevitable, en Viveiro ou en Foz, en Burela ou en Ribadeo? ¿Pide o público máis caras novas? ¿Habería que cambiar quizais algunha regra do xogo para que os espectadores recuperasen algo de interese, ou é que uns e outros prefiren a apatía como estado de ánimo colectivo?