Non hai moito que se dicía que 2002 fora un mal ano para o sector do turismo debido, entre outros factores, á entrada en vigor do euro e a un estado de ánimo no que influían as consecuencias dos atentados do 11 de setembro. -¿Cre que o afundimento do `Prestige se ha de notar no turismo este ano? ¿Pódese opinar sobre o tema se aínda faltan seis meses para o verán? -Non teño datos nin creo ter criterio para saber se se vai notar ou non. Pode que se note algo, pero non na medida que se esperaba ó principio. Galicia ademais está a facer un gran esforzo de promoción turística e de divulgación. Falo coa esperanza de que as praias estean limpas no verán e de que Galicia volva estar na situación na que estaba. Se pasa iso, creo que Galicia non vai perder visitantes. E a xente, non o esquezamos, está a ser solidaria con Galicia. -¿Vai cambiando o turismo? Dise moito nos últimos tempos que o turismo de sol e praia xa non ten a importancia de antano. ¿É algo realmente certo ou córrese o risco de que a frase acabe por non ser máis ca un tópico? -Eu creo que a xente que vén aquí non busca só sol e praia, porque sabe que non hai iso. Outra cousa é que se teñen un bo día, non o aproveiten para ir á praia. ¿Cambia o sector? Pois coma o resto dos sectores. Hai unha tendencia á natureza en tódolos ámbitos, e no turismo, tamén. Aquí, como xa dixen, non se pode ofrecer sol e praia, pero si natureza. A xente agora, ademais, busca cousas, sexan festas gastronómicas ou actos culturais: pódese dicir que o turista é máis inquedo e non quere só deitarse ó sol, e iso tamén o debemos entender. As fundacións comarcais da Mariña estamos a programar actos de todo tipo durante o verán, porque cremos que axudan a manter ós turistas máis tempo. Non podemos cambia-lo clima, pero debemos coida-los nosos recursos.