A TRIBUNA
28 oct 2002 . Actualizado a las 06:00 h.CALQUERA QUE ATENDA un pouco ós medios de comunicación Mariña terase decatado de que os Concellos e as agrupacións que xestionan proxectos comunitarios na Mariña e no occidente asturiano converteron a recuperación do patrimonio e dalgúns lugares públicos en obxectivos destacados da súa actividade. Velaí o parque histórico do Navia, as excavacións no castro de Zoñán, o ecomuseo de Cervo ou o aproveitamento das minas da Silvarosa como distintos exemplos de ideas que se artellan arredor de usos e costumes do pasado. Desa liña de actuacións forma parte o recén presentado proxecto de crear en San Cibrao un museo etnográfico da carpintería de ribeira, que servirá, segundo as intencións do Concello, para lembra-lo traballo que facían os estaleiros da vila e as madeiras que empregaban nos tempos en que os barcos se construían dun xeito máis artesanal ca hoxe. As ideas son boas, sen dúbida converteranse en reclamos turísticos e darán ós devanditos lugares unha imaxe mellor cá actual. Un, sen embargo, ten a ilusión de que os fondos comunitarios axuden tamén a crear emprego para que a comarca non só olle o pasado senón tamén o futuro.