O presidente da corporación municipal luguesa está convencido de que o seu goberno acertou ata agora nas principais decisións sobre urbanismo e infraestructuras
17 ago 2002 . Actualizado a las 07:00 h.Di con firmeza que en política só quere ser alcalde de Lugo. O socialista Xosé López Orozco fai tal afirmación no seu despacho oficial, baixo o retrato do que pasa por se-lo mellor alcalde que tivo a cidade da muralla, Ánxel López Pérez, mentres adianta algunhas das claves do seu goberno para un ano que estará marcado polas eleccións locais. Afirma que «o ano 2003 estará dedicado en Lugo ó medio ambiente». -Pois ata agora os xardíns, as zonas verdes en xeral, non están moi ben... -O mantemento dos xardíns precisa un gran gasto, tanto en persoal como en medios materiais. Temos tantas necesidades neste Concello que hai que establecer prioridades; ata agora demos preferencia ás infraestructuras; o ano que ven vai ser o ano do medio ambiente, entendendo por tal a imaxe que ten que dar a cidade ós lugueses e ós de fóra. Farémolo con persoal contratado polo Concello e con empresas auxiliares, sen privatizar o servicio. En relación con medio ambiente está a limpeza, e se xa melloramos -redobramos a presión sobre a empresa-, melloraremos aínda máis co novo convenio que se vai firmar con Urbaser. -Pero a revisión do PXOM está parada e polo tanto a ordenación do territorio non vai experimentar cambios... -Foi un acerto enorme do equipo de goberno do Concello a ralentización dos traballos da revisión do plan ata que non estea acabada a modificación da Lei do Solo de Galicia. O conselleiro acaba de anunciar que vai presentar o borrador a primeiros de setembro e quere o máis amplo consenso posible. Unha vez aprobada a modificación da lei, en dous anos creo que poderá estar feita a revisión do PXOM. Foi un acerto a ralentización porque nin se paralizou a cidade nin houbo tensións innecesarias como as que se están producindo noutras cidades, por exemplo, en Ourense. -¿Cómo vai a promoción da muralla e do turismo? -A muralla é o gran referente da nosa cidade e ó redor dela temos que desenvolver a nosa vida cultural e turística. E estase facendo. As obras no casco histórico son, tamén, unha parte da promoción da muralla. Está presentado na Xunta o proxecto do paseo interior e teño pedida unha entrevista con Fraga. Asistimos a todas as feiras de turismo nacionais e de fóra. Non fomos a Fitur este ano porque xa estaba alí Terras do Miño e, dada a nosa falta de medios, nós debemos ir onde non van outros a promocionarnos. -Nestes tres últimos anos, o recinto feiral foi a peor. ¿Qué se vai facer? -O Concello ten expresado moitas veces cal é a súa opinión. Estou convencido de que Lugo pode ter, cando menos, tres feiras importantes, con éxito. Tamén é posible converter as instalacións nun pazo de congresos e exposicións. Con profesionalidade e ilusión pódese sacar adiante. Ó mesmo tempo, como propón a CEL, pódese converter nun centro de formación. O único que non podemos facer é quedar de brazos cruzados, como parece que estamos agora. -Un goberno de esquerda como o seu, ¿como se leva cos grupos económicos que controlan a economía luguesa? Efectivamente, hai uns grupos sen os que sería imposible que a cidade se desenvolvese. A relación do Concello con eles é moi boa, porque son aqueles que contribúen a crear postos de traballo, salarios, que moven distintos servicios. Agora ben, ten que quedar claro que boa relación quere dicir cooperación, non submisión. -Unha das súas preocupación é fomentar o que chama a cultura emprendedora... Para cambiar o estado de cousas, que se pode cambiar, hai que motivar máis para que haxa unha cultura emprendedora. O Concello faino, na medida das súas posibilidades. Aí está o obradoiro de emprego de Garabolos. Temos que subvencionar, si, pero hai que subvencionar a innovación. O clientelismo institucional acabouse, esa mentalidade está cambiando na xente nova. Nese sentido, foi un éxito establecer un baremo para o acceso ó Concello. -¿Quere dicir que a de Lugo xa non é unha sociedade clientelista? -Si, segue a se-lo, pero está cambiando -¿Cales son os grandes logros deste goberno? -Por dicir algúns, a estación de mercancías de Renfe, co investimento xa aprobado; o novo hospital, porque é importante polo servicio que prestará e porque para Lugo representa moito unha inversión de 19.000 millóns de pesetas; xestionamos casi 1.000 millóns de pesetas para programas sociais de distinta índole. E non hai que esquecer que a Xunta está facendo o estudio para a Ronda Sur, trabállase no saneamento e no abastecemento de agua; estas últimas son obras de tal envergadura, que o papel do Concello é de cooperación, porque exceden a súa capacidade. O importante é que se fagan ben e canto antes. Está tamén o acordo para a vella Frigsa.