Fútbol sen estrelas

A MARIÑA

02 ago 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

ANDAN OS EQUIPOS de fútbol preparando unha nova liga, aínda que me parece que o cansazo da longa tempada e a crise económica non están creando a animación doutros veráns. Non sei se os efectos serán efémeros, pero a situación vale, polo menos, para que o fútbol se adapte á realidade dos seus seguidores. Sería un cruel contraste que os xogadores vivisen nunha burbulla de prosperidade mentres os afeccionados sofren as consecuencias da chegada do euro e da inflación, por máis que tamén quedan actitudes que nos semellan dunha admirable dimensión humana ós que amamos este deporte: os xogadores do Compostela, que levan case medio ano sen cobrar, retiraron as denuncias para que o equipo, recén ascendido a Segunda non perdese a categoría. Se iso ocorre nas categorías superiores, supoño que acabará sentíndose nas inferiores. Pensemos na Mariña: ¿Volverán os campos de fútbol encherse como hai anos? ¿Ten a abundancia de partidos televisados a culpa de que quedasen as bancadas case sen público? ¿Poden pagar soldos os clubes ou hai que pensar en equipos afeccionados que xoguen por diversión? ¿Faise todo o posible no fútbol base ou aínda se pode mellorar?