A beleza de cada día

La Voz

A MARIÑA

25 jul 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Isto é unha beleza, unha grandísima beleza. Dicíao esta mesma semana, nun castelán de forte acento hispanoamericano, un home de mediana idade que ollaba a praia dos Castros dende as varandas. O ceo estaba limpo, quentaba o sol, e naquel momento, hora de sobremesa para moitos, a praia tiña pouca xente e invitaba ó descanso. Supoño que ese turista podería repeti-lo comentario se visitase algunha outra praia da Mariña: abondaríalle segui-la estrada que vai, pola beira do mar, da desembocadura do Masma a Ribadeo para descubrir lugares ós que podería dedicar algunha louvanza. Sen embargo, vou imaxinar que tamén se lle podería ocorrer unha pregunta: ¿está a costa do norte de Galicia, a que limita con Inglaterra mar por medio, mellor ou peor conservada que hai algúns anos? Sen saírmos da praia dos Castros, creo que foi un acerto mellora-la baixada, aínda que me entra unha dúbida: nunha comarca que basea a súa presencia en feiras turísticas falando de maxia por natureza, ¿paga a pena construír paseos marítimos enriba dos prados? ¿Non sería tan interesante, e mesmo rendible a medio prazo, sanea-los ríos e as rías? A beleza, xa se sabe, ás veces require un esforzo.