XOSÉ MARÍA PALACIOS A ENTREVISTA Lidia Senra, secretaria xeral do SLG, comenta a situación da muller na vida rural Lidia Senra fala a cotío dos problemas do agro galego. Onte achegouse a Ribadeo para falar da situación da muller no campo, o cal lle dá ocasión para reflexionar sobre problemas xurídicos, económicos e, sobre todos, sociais. A igualdade que tan difícil resulta noutros eidos da vida non é unha excepción neste mundo, polo que as reclamacións deben seguir.
26 abr 2002 . Actualizado a las 07:00 h.O punto de partida no discurso de Lidia Senra e calquera cousa menos triunfalista. «A administración -di- tenta que se pechen explotacións, e as primeiras consecuencias pagámolas nós, as mulleres». Explica, por exemplo, que unha muller ten problemas para herdar de seus pais a titularidade dunha explotación se está casada co dono doutra, ou que se xorden problemas nunha onde traballen os dous, home e muller, o normal é que ela deixe de cotizar. -¿Faise máis difícil acada-la igualdade no agro? -É máis difícil, porque hai problemas para que se recoñezan os nosos dereitos como labregas. Tal como está a situación no agro, unha muller que forma parella e vai vivir co home non ten nada. Non é titular da explotación nin co-titular, e hai unha situación de indefensión. Por iso se quere da-lo debate social para que se chegue a recoñece-la figura da co-titularidade. -Ademais do seu traballo, a muller rural, ¿ten que ser nai, dona ou filla nunha maior porcentaxe cá urbana? -O traballo no agro é máis duro en xeral, porque se traballan moitas horas, sen vacacións. Pode haber semellanzas coa vida urbana en certos casos, pero temos que ser coidadoras da xente maior, educadoras dos fillos... Pero canto ó reparto das tarefas do fogar, o traballo corresponde ás mulleres no campo ou na vila. Hai que facer un debate mesmo cos homes.