«Polo asilo pasaron 778 anciáns»

La Voz

A MARIÑA

I. EIROÁ A ENTREVISTA Antón Niñe, profesor e autor dun libro sobre a residencia da terceira idade de Foz O focense Antón Niñe publicou no 1997 un libro sobre o asilo de anciáns de Foz. Nel dase conta do traballo de investigación que fixo sobre esta institución da localidade, unha das máis queridas polos focegos e que hoxendía está de actualidade pola marcha das relixiosas que o atenderon toda a vida, desde que se inaugurou o día do Carme de 1933. «Desde que se abreu ata hoxe pasaron pola casa 778 persoas e noventa relixiosas», afirmaba onte Niñe. O dato reflexa ben ás claras a importancia que tivo o asilo.

27 oct 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

O libro de Niñe, titulado Asilo Nosa Señora do Carme: a súa historia, fíxose para conmemorar o centenario da morte de Teresa Jornet, a fundadora da orde relixiosa das Hermanitas de los Ancianos Desamparados, que ó longo de 67 atenderon sen interrupción ningunha o asilo de Foz. Niñe prantexoulle a idea a Sor María Teresa Barreiro e pareceulle ben. _Falar do asilo é falar do matrimonio Martínez Otero. _Si. Son os fundadores do asilo. Era un matrimonio sin fillos que á súa morte legaron todos os bens que tiñan para o pobo. Eso repercuteo na creación dun colexio e dun asilo. Co tempo todos os veciños se beneficiaron do seu legado. Aí está o campo de fútbol e as moitas actividades que se teñen feito en Foz nos centros que crearon. Pilar Otero, a muller, pensou no asilo, e Eliseo Martínez, no colexio. _¿Significou moito a súa creación? _No ano 1933 ter unha institución coma o asilo foi algo moi grande. Sempre houbo e segue habendo pobres, pero daquela a penuria económica era moi grande e o asilo foi algo extraordinario. E ver por primeira vez en Foz unha comunidade relixiosa tamén. _¿Foi sempre coma hoxe? _Non. Nos anos 70 fixéronse obras de ampliación. Houbo moitas modificacións co tempo. Antes os dormitorios eran corridos; dun lado durmían as mulleres e doutro os homes. Logo fixéronse habitacións, púxose ascensor, calefacción, foise modernizando. _¿Os veciños identifícanse co centro? _Moito. A xente de Foz sempre o sentiu como algo seu. Nos anos 60, cando os mariñeiros chegaban a porto, o primeiro lote era para o asilo. E cando se puxo a calefacción eran os armadores os que donaban o gasóleo. Había unha identificación total co asilo. Organizáronse alí festivais para ir facendo melloras, para comprar a primeira furgoneta. Eu recordo cando se celebraron as vodas de ouro, no 1983, que houbo varios actos, organizados por una comisión. Daquela foi a primeira vez que o Ballet Rei de Viana veu a Foz, e tamén se xogara o primeiro partido internacional de baloncesto. _¿Con cantos residentes abreu? _Abreu con oito personas e penso que agora é cando máis xente ten. Tiñan preferencia os pobres de Foz e Barreiros, pero aquí houbo xente de moi distintas partes: A Mariña, Betanzos, Ortigueira, Burgos, Oviedo, León, Cuba, Venezuela, Marrocos, Francia. Na actualidade hai unha señora de Cuba e un home de Brasil. A persoa que leva máis tempo vivindo nel é unha señora da Espiñeira, que está alí dende o 20 de xaneiro de 1960.