Galicia foi definida moitas veces como o país dos mil ríos, pero na realidade, e para ser exactos, está máis preto dos dez mil. Esta vella imaxe popular, inmortalizada por intelectuais e poetas, non é un sinxelo capricho retórico nin unha esaxeración do orgullo propio; é a plasmación exacta dun xeito de ser, dunha xeografía que se debuxa a golpe de auga e dunha alma que flúe e latexa ao ritmo desas correntes que semellan veas ao longo e ancho do noso territorio.
Falamos dun espazo onde a terra non se entende sen a auga, onde cada val ten as súas canles e cada montaña o seu nacemento. Desde unha perspectiva de país, esta inmensa rede fluvial funciona como o verdadeiro sistema circulatorio da nosa identidade. Os ríos en Galicia non separan, senón que vertebran. Son testemuñas mudas da historia, camiños líquidos que viron nacer aldeas, vilas e cidades; que tamén moveron os muíños xeradores de alimento para tantas xeracións e que escoitaron os cantos e as lendas máis profundas do noso pobo.
O Miño, pai e señor, esténdese como un fío ancestral de memorias que une as terras interiores coas do Atlántico; o Sil, coas súas ribeiras verticais e heroicas, bica as cepas das que sae un viño que é froito dun esforzo sobrenatural; o Ulla ou o Tambre son tamén quen de debuxar unha xeografía de bicos entre augas doces e salgadas alí onde as terras arrecenden a uva. Xunto a eles, máis ríos e miles de regueiros e regatos con presenza viva en cada aldea, tecendo unha arañeira invisible que mantén vivo o noso rural.
Galicia é unha conversa infinita entre a terra e a auga. Cada canle é un verso que murmura entre o musgo, os ameneiros, os salgueiros e as vellas pedras. O río galego ten banda sonora de arrolo e de pedra esvaradía, o recendo fresco da choiva que acaba regresando ao mar. Ao cabo, o país enteiro semella coma cada un deses ríos: nace nas serras altas da nosa memoria antiga, afincándose con forza e teimosía nas nosas corredoiras e, libre e sen présa, discorre cara a ese infinito que nos conecta co mundo enteiro. Ser galego é, en esencia, saber escoitar o correr da auga e entender que o noso destino tamén é un fluír constante e eterno.