Contos no Bambán

María Manuela López Cea

AL SOL

29 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

-Pero ten que ser ás doce? ? preguntou a cativa coa súa voz afrautada.

-Claro, debes ter todo preparado antes: o vaso con auga, a clara do ovo, a ilusión nos ollos e o sorriso da avoa pendurado na noite.

A avoíña sabe que, ano tras ano, contado do mesmo xeito, (acaso non escoitamos a canción que nos gusta ata perder a conta, non dicimos “quérote” milleiros e milleiros de veces e a maxia fai que soe como a primeira vez?), chegará ese momento engaiolante. Sentirase feliz véndote, como cando os que a coñecían ben, ao día seguinte, ían a súa casa e pedíanlle que lles amosara o debuxo que o orballo tivera a ben facer: “Este ano saíu un barco dunhas dimensións grandes, mira a velame, e a proa”. “Menos mal que non saíu o cadaleito” - será que xa a morte superou este ano os seus obxectivos- . “ O castelo do ano pasado non estaba tan clariño”.

-Hoxe déixasme separar a min a xema da clara? E podo chamar ás miñas amigas pola tarde para ir contigo apañar o fiuncho, o estraloque, o romeu…?

O nome das flores trouxo o recendo de abondosas lembranzas caendo como nunha fervenza: o cheiro das sardiñas, a xuntanza entre amigos, as historias novas e as reiteradas que non podían faltar (está ben ás veces saber o final porque xa a vida improvisa cando lle peta), os acordes dunha guitarra que estaba desexando ser acariñada e as voces das cancións recorrentes interpretadas. Demorábase, pero todos coñeciamos cal sería o derradeiro tema.

O pai seguía comendo os anacos daquela sandía, que se atopaba no mellor momento. Esnaquizábaa na boca refrescando os seus pensamentos. Cunha man collía os triscos.Coa outra dáballe á randeeira.

El, inxenuamente, cría que era a primeira vez que lle contaba estas tradicións.  No seu maxín, as arelas de viaxar (mesmo nun barco semellante ao eloxiado noutrora pola veciñanza) voaban tan alto como as gargalladas da nena ao ser balanceada.

-Pai, agora dáme máis forte porque quero ir moi, moi alto. E… cóntasme a historia da noite de San Xoán outra vez?

María Manuela López Cea. Mestra. 51 anos. Melide.