Que sorte!

F. Javier Santos RELATO

AL SOL

Volver ao mundo dos vivos, cando levas máis de corenta anos defunto, non é nada, nada, habitual. Brandán Caña de Herbas, alcumado en vida como o Lexionario, resucitou na mañanciña do día 6 de xullo do 2019, logo de levar catro décadas no purgatorio sen que ninguén botara conta del.

O noivo da morte morrera un 22 de decembro do ano 1979, namentres escoitaba pola radio o sorteo da lotaría do Nadal e suxeitaba con forza un décimo que mercara na cortadoría La suprema, rexentada por Brais, o Pucho, con quen botaba, ás veces, a partida. Brandán finara de súpeto; o seu corazón deixara de latexar uns intres despois de comprobar que o número 00000, cantaruxado harmoniosamente por uns serafíns celestiais, era… o que el xogaba!

O Lexionario abriu os ollos. Aínda inmóbil, inspirou fondamente. Unha morna raiola abríase paso por unha das físgoas da fiestra e comezaba a aloumiñar as súas pupilas. Todo o seu ser formigaba de norte a sur. Espreguizouse paseniño. Tentou levantarse da cadeira, mais non puido. Apenas foi quen de sacudir a voaxa da súa man dereita; achegouna á súa vista, soprou e… velaí o papeliño premiado. Relembrou!, rememorou! Subitamente, o seu corpo momificado ergueuse coma un lóstrego. Dirixiuse cara á Krupp, a súa compañeira de media vida, que seguía a radiar. Graduou, degoirado, o dial, ata que… «¡Pamplonesas, pamploneses, ¡viva San Fermín!; Iruindarrak, gora San Fermín!». Un arreguizo percorreuno de leste a poñente. As pernas tremíanlle coma arames de palla; un berro seco, profundo, de ultratumba, abaleou a cociña que tanto anos levaba facendo de panteón… «caducou!, caducou!», borboriñou segundos antes de se esbarrelar e volver de novo ao mundo das ánimas.

F. Javier Santos, empregado público, 54 anos, Porto do Son.