Vivo en orde. Vivo nunha orde absoluta. Deus vive aí, nese inmenso edificio no centro desta cidade circular, un edificio tan alto que parece morder as nubes.
Todo nesta cidade é orde, todos os edificios son iguais, todos os mobles son iguais, todas as persoas vestimos igual. Todos vestimos e vivimos como nos din os nosos Deuses. Os Deuses teñen as fábricas nas que todos traballamos para eles, para alcanzar a súa perfección.
Por iso todos vestimos igual ca eles e nos comportamos igual ca eles, e tratamos de vivir coma eles. Nós escollemos os deuses, decidimos seguilos, seguir todas as súas publicacións, todas as súas ensinanzas para algún día ser dignos deles.
Todo é orde aquí. Ao menos era ata que dous estraños chegaron un día calquera, todos os días eran iguais. Eran un home e unha muller, ningún deles dispoñía das pantallas onde seguir aos Deuses, eran uns sacrílegos.
Aquilo horrorizounos, pero tras o medo encontramos a curiosidade. Vestían diferente, falaban á súa maneira, rían porque si e non parecía importarlles que os demais foramos diferentes.
-Non tedes vergoña de ser tan estraños?- preguntei adiantándome cara a eles mentres percorrían a rúa sen ningunha ruta establecida.
-Non tedes vergoña de ser tan iguais?- respondeu a muller cas risas do home.
Os forasteiros seguiron camiño a través da cidade pero non tardaron en irse.
-Non hai moito que ver- dixeron ambos decepcionados.
Esa noite case non fun capaz de durmir. Ó día seguinte deume por cantar unha das cancións que aqueles dous cantaran pola rúa o día anterior. No meu camiño cara ao traballo comprobei que non era o único, que outros decidiran cambiar pequenas cousas na vestimenta, na forma de andar, na forma de falar. Incluso houbo quen non quixo ir a traballar e comezou a pintar a súa casa.
Aquilo foi unha revolución silenciosa que en pouco tempo acabaría por derrubar os Deuses. Ninguén quería ser coma outro, todos querían ser diferentes, ser á súa maneira.
J. David Collazo Dubra, administrativo. 39 anos, nado en Golmar, A Laracha.