Javi Maneiro: «Na carretilla penso moito, compoño en momentos de estrés absoluto»

AL SOL

MARCOS CREO

O intérprete prepara o seu segundo asalto en solitario no mundo da música

31 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

É un dos cantantes máis queridos, a voz de Heredeiros da Crus, a banda que incorporou o seseo e a gheada sen complexos ao rock. Tivo unha segunda vida con Jabon Blue, onde madurou. Agora, Javi Maneiro prepara novo disco en solitario. Non se sente só. Simplemente, quere ser el mesmo.

-Hai morriña porque remata agosto?

-Un pouco si. É o mellor mes do ano, pero tamén estou rebentado.

-É dura a vida dun artista?

-Paso o día conducindo unha carretilla. Logo súbome a unha furgoneta para ir actuar. Son moitas horas sentado. Ódioo!

-Coa carretilla, refíreste á de Frinsa, a conserveira?

-Si. Todos os días lle dou de comer atún a dez máquinas. É un traballo duro e tes que estar moi concentrado.

-Non se pode vivir só do rock?

-Non. Aínda que agardo xubilarme só como cantante. Non creo que aguante este ritmo ata os 70. E esa é a idade á que hai que xubilarse, non?

-Un pouco antes.

-É o mesmo. Aspiro a iso.

-Cando compós?

-En realidade, na carretilla penso moito. Compoño en momentos de estrés absoluto, é cando me saen as melodías e as letras.

-Cantas en alto no traballo?

-Son outra persoa. Non me recoñecerías. Estou serio e falo pouco.

-Es como Jekyll e Hyde?

-Son dúas persoas distintas. Unha vez que entro na nave coa roupa fosforita, a xente que me coñece dime: «Ti non es o mesmo!».

-Onde o pasas peor: na furgoneta, de bolo en bolo, ou na carretilla?

-A miña vida cambia moito en 24 horas. Paso de ser un ninguén polo día a ser o meu propio xefe pola noite [risas].

-E pola noite, segues sendo o Javi de Heredeiros?

-Non. Xa non me gusta saír de marcha, nin trasnoitar. É o que ten facerse maior.

-Nótanse os anos nas letras?

-Escribo de todo menos de cachondeo e diversión. Quero que coñezan ao outro Javi. Á persoa, porque a maioría só saben quen é a personaxe.

-Entón, queres desfacerte do teu papel como cantante de Heredeiros?

-Non vou loitar contra min mesmo, nin contra algo que levo facendo 26 anos. Eu só sei traballar. E vivo cos pés na terra.

-De aquí vén o título de «Canciones desnudas», o teu segundo disco?

-O nome vai ser outro. Quero gravalo cun produtor. Por agora só se coñecen dúas cancións, coa miña voz e a guitarra. Rosa de los vientos e Quiérete tú. Cantalas con banda suporá unha transformación.

-Hai quen te critica por escribir en castelán.

-Falo en galego, sempre. Pero hai posibilidades de que isto triúnfe fóra. En América Latina. Levo a metade da miña carreira musical en Jabon Blue, en castelán, e a outra en Heredeiros. Ademais, a música é melodía. As letras, se non as entendes, búscalas en Google Translate.

-O micromecenado para sufragar o teu primeiro disco foi un éxito. Un bo augurio para este?

-Oxalá! E que na próxima xira teña que meter a carretilla na furgoneta. Sería fantástico!