Cristina Pato: «Se levo bata na casa? Claro, non é postureo!»

AL SOL

Cristina Pato na terraza da súa casa
Cristina Pato na terraza da súa casa Agostiño Iglesias

O Atlántico non é distancia suficiente para afastar á artista, que vive en Nova York, de Ourense

31 jul 2018 . Actualizado a las 17:55 h.

O seu nome vai asociado ó son dunha gaita. É imposible desligala do instrumento do que fai bandeira nos seus concertos polo mundo adiante, dende a China ata Australia. Pero, aquela moza que se presentou ante o público cos seus cabelos verdes e salvaxes disposta a renovar a música tradicional galega medrou. Traballa como asesora educativa en Silkroad, en Harvard. A piques de que se cumpran vinte anos de Tolemia, o disco co que se converteu na primeira gaiteira que publicou en solitario en Galicia, a vea musical segue impresa no ADN de Cristina Pato (Ourense, 1980). A melena está agora máis curta, pero entre o seus cabelos escuros agroman unhas mechas que lembran a aquela artista que nunca perdía o sorriso no escenario.

-Estamos ante outra Cristina Pato?

-É que en vinte anos unha cambia moito! A gaita levoume a moitos sitios, pero fun crecendo como persoa. Digamos que pasei da moza gaiteira de entón á muller de hoxe.

-E a que se dedica esa muller?

-Teño varias vidas. Por un lado está a pianista, por outro a gaiteira. Tamén a Cristina Pato que actúa en solitario, a que o fai co cuarteto en Estados Unidos, co trío en Galicia ou a de Silkroad.

-Por non falar da túa carreira académica.

-Xa pasaron 14 anos dende que fun facer o doutoramento a Nova York e alí sigo. Son artista en residencia en Harvard, onde colaboro como asesora en Silkroad, e tamén traballo coa Universidade de California.

-A gaita... quedou atrás?

-Non, é o 30 % do que fago. Se non fora por ela non estaría aquí, abriume as portas. É só que hai moito máis ca Cristina gaiteira.

-Agora estás de vacacións?

-Si, máis ou menos [sorrí]. Desde xuño ata setembro trato de estar aquí. Descanso, aínda que tamén vou e veño [o xoves actúa en Ribeira e o sábado en EE.UU]. Ademais, no ámbito académico, cunha boa conexión a Internet, é posible traballar a distancia.

-Cando falamos de quedar nunha terraza, a túa primeira opción foi esta: o xardín. Como na casa... en ningún sitio?

-Gústanme moito as terrazas de Ourense, coa tanta pedra son moi fresquiñas. Pero aquí, na miña casa, na aldea, é onde máis tempo trato de pasar. É onde estou máis a gusto. Coa miña nai, Maruxa Lorenzo, co meu marido, Xan Padrón, coas miñas irmás...

Cristina Pato na terraza da súa casa
Cristina Pato na terraza da súa casa Agostiño Iglesias

-Tamén ensaias no xardín?

-Mellor, procuro facelo dentro, non quero molestar ós veciños. Podo botar moitas horas coa gaita ou co piano.

-E esa bata, úsala de verdade?

-Se levo bata para andar pola casa? Claro, non é postureo!

-Gústache a vida aquí ou botas de menos Nova York?

-Estou tratando de levar o tipo de vida que quero levar cando teña cincuenta anos. Seguir vinculada ó mundo académico e dando de vez en cando algún concerto. Quero dedicarme máis a crear. A vida agora para min é máis cara a dentro. Antes, era máis cara fóra.

-E, ao revés, séntese desarraigo na metrópole?

- Nun país creado por inmigrantes, é imposible atopar un nativo americano en Nova York. Co voo directo con Porto, en oito ou dez horas podo estar na casa. A calma que respiro en Galicia é inexplicable.

-Vai no sangue dos galegos marchar?

-Meus pais emigraron a Caracas. Pero é unha emigración diferente. Eles tiveron que facelo, eu elixino. As condicións son distintas. No plano emocional pode haber menos diferenzas. Como teorizou Robert Ezra Park, vives no medio, entre dúas culturas. Ata na China atopas galegos de tódalas xeracións.

-Pode ser tan apaixonante como tocar o traballo de asesora educativa na universidade?

-Por suposto.

-Podes contarnos algo?

-Interésame a conexión que a arte, a música, supón entre as ciencias e as humanidades. É nese efecto de borde, onde dous ecosistemas se atopan, cando máis formas de vida se crean. Isto pode servir para a neurociencia no estudo da perda de memoria.

-Isto é algo que che preocupa?

-Si, en varios sentidos. A perda de memoria como paradigma da perda de memoria cultural, algo global hoxe, mesmo nos lugares máis recónditos. E non podemos esquecer que é a identidade social e cultural a que fai unha sociedade.