Afirma que xa vai á praia ligado da casa. A area non lle acaba de gustar
24 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.Este verán non está sendo precisamente de relax para David Amor. Non obstante, nos seus ratos libres aproveita para facer wakeboard en Fornelos.
-Es de praia ou de piscina?
-Piscina, se a tivese. Porque quedaríame máis preto da casa e estaría máis cómodo para estar ao meu aire. Ademais, a area da praia non é unha cousa que me emocione.
-Cal é a praia que che ten máis encanto?
-Gústanme moito as que están na ría de Aldán. Pero ás de Marín tampouco se lle fan ascos.
-Adoitas ligar na praia?
-Eu xa veño ligado da casa [rise].
-Cal foi o momento máis cómico que viviches en verán?
-Traballando hai bastante comedia. Disto que che ven a xente e che di: ‘Que ben vives!’ E ti realmente estas traballando.
-Como recordas os veráns da túa nenez?
-Eran en Ferreirós, no interior, bañábame nas pozas de auga. Eu pasaba os veráns coa miña avoa. Era rematar o colexio e xa iamos para alí. Visto co tempo, imaxino que realmente eran as vacacións dos meus pais, porque eles ían de vez en cando e non nos tiñan que aturar todos os días.
-Es dos que se meten de súpeto no mar ou pouco a pouco?
-Teño días! Normalmente métome a ritmo paulatino. Pero os días que estou moi vago e sei que me vai custar moito, pois toca chapuzón. Xa domino o estilo bomba.
-En verán practicas algún deporte acuático?
-Se podo, si. Este verán afeccionámonos ao wakeboard e está resultando moi divertido. É en Fornelos de Montes, nunha presa no río. Consiste nun cable que te leva dun lado ao outro e ti vas coa táboa de wake. Eu estoume iniciando, son un novato, pero é destes deportes que enganchan.
-E lembras algunha anécdota que che pasase este mesmo verán?
-Así, a modo de anécdota, nunha xira que estiven facendo por Andalucía, actuaba na praia de Motril, e xa che digo que alí chámanlle praia a calquera cousa, porque aquilo eran cantos rodados..., e foi moi curioso ver como paseaban todos pola beira do mar, porque parecían sobriños de Chiquito de la Calzada. Era imposible camiñar.
-Que tipo de festa galega encaixa máis contigo?
-As de campo, todas! De feito agora, pola popularidade, xa non podo ir tanto e dame un pouco de pena. A festa da carballeira de Zas, a de Sargadelos, o Naseiro en Viveiro, os Caneiros en Betanzos… Son todas espectaculares! Festas nas que estás todo o día coa familia, comes, bebes e a xente está toda xunta. Son festas moi auténticas.
-Cal é a canción de verán que máis che marcou?
-Eu é que son moito de orquestras, son moi verbenero; daquela aí, son todo hits. Non teñen unha mala! Un dos primeiros hits que lembro é Cuidado con el Tiburón.
-Que plans che gustan facer polo verán?
-É que non hai ningún plan que poida facer no verán, porque, por sorte, estiven traballando bastante. Imaxino que o primeiro plan que me gustaría ter organizado sería unha viaxe con tempo. Dispor de cinco ou seis días para ver mundo.