O cabodano de Frei Xosé

Xesús Mato

LUGO CIUDAD

O pasado martes, na catedral de Lugo, un cativo grupo de curas (presididos polo seu bispo Afonso), familiares e un grupo, tamén escaso, de fieis, participamos na Eucaristía en acción de grazas a Deus, no segundo aniversario de Frei Xosé, anterior bispo de Lugo. A Eucaristía, enriquecida por unha agarimosa homilía, na que se subliñaron detalles da vida de frei Xosé (sinxeleza, amor, servizo, entrega e fidelidade a Deus, á Igrexa e ás persoas, pobo/diocese) foi moi sentida, participada e vivida por todos os presentes.

Frei Xosé, na actual Situación/Vida, non precisa homenaxes. Si do noso recoñecemento a el e agradecemento a Deus. De lembrar a súa vida para imitala e seguir a Xesús (o seu e noso Único Mestre e Señor) Frei Xosé goza xa da Plenitude. Está ben!! Ou aínda o dubidamos!? Ao regalo de Deus (vida/vocación) soubo responder, en leda fidelidade.

Isto foi o que celebramos. Para coller azos no seguimento de Xesús. E deixármonos de morriñas estériles. Que se notou en falla, neste acto!? Os detalles, que el tan ben soubo ter e vivir. Só dous que se notaron. Se había celebración pública debera ser anunciada. A tempo e a todos. O pobo non foi, porque non o soubo. E tampouco parte do clero.

Outro vergoñento. Unha falla de sensibilidade inexplicable. De todos é sabido que foi un dos bispos galegos (xunto con monseñor Araúxo) que acolleu o galego na liturxia. Por algo o seu funeral foi en galego e coa presenza de moitos bispos e curas de fóra da terra. Tamén no primeiro cabodano. E, por que, desta vez, nin unha soa verba en galego (todo en latín e castelán) sendo unha inmensa maioría (curas/fieis) galegos!? Para moitos de nós, neste intre, soa a desprezo. Alguén terá que dar conta do feito. Non cabe o despiste.