Tomé, que será sustituído por Francisco Bande no que resta de mandato, posiciónase con vistas ás municipais e non ve inviable outro goberno con Severino Rodríguez
25 jun 2010 . Actualizado a las 02:00 h.José Tomé afirmou hai dous meses diante do secretario xeral dos socialistas galegos, cando se anunciou oficialmente a súa saída da corporación de Monforte, que non lle dicía adeus á política municipal, senón ata logo. No pleno de onte formalizou a súa renuncia á acta de concelleiro, da que tomará posesión en agosto Francisco Bande. Nunha conversa previa, Tomé mandou unha mensaxe ao partido con vistas ás próximas municipais. «Se os compañeiros pensan que debo repetir estou á súa disposición», sinala.
-Parece que non se despide de moi boa gana da política municipal.
-A miña obriga é seguir as directrices do secretario xeral, Pachi Vázquez. Unha delas é evitar a duplicidade de cargos. Acordouse no último congreso dos socialistas galegos e hai que cumprilo. Non é que queira irme da política municipal.
-¿Cre que sería posible compatibilizala coa actividade como deputado no Parlamento de Galicia?
-Penso que si, que sería compatible, sobre todo cando toca estar na oposición, que deixa máis marxe que as responsabilidades de goberno. Pero entendo que cando se asume un compromiso co partido hai que cumprilo. Non deixa de ser certo afago que o secretario xeral me pida que estea ao seu lado asumindo as responsabilidades en materia de emprego no grupo socialista.
-A gran capacidade de traballo é unha virtude que ninguén lle discute. ¿Sacoulle partido na política local?
-En primeiro lugar, quero deixar claro o meu agradecemento aos compañeiros de partido que me permitiron encabezar a candidatura e tamén a a todos os veciños aos que representei. Polo demais, na etapa de goberno co BNG penso que os socialistas fixemos un traballo moi intenso que posibilitou moitas cousas para Monforte, aínda que tamén teño o convencemento de que non o soubemos facer rendible politicamente. Dedicámonos máis a traballar que a explicarlle á xente o que facíamos. Foi un erro no que hoxe non caería. Tampouco volvería pechar un pacto sen deixar antes moi claro por escrito o que goberna cada un.
-Hai quen di no seu propio partido que o PSOE fai pouca oposición.
-Posiblemente puidésemos ter feito unha oposición máis intensa, pero penso que o importante é servir de estímulo para que os que teñen a responsabilidade de gobernar corrixan o que fan mal. Nalgunhas cousas, como a urbanización da Compañía, conseguimos o noso obxectivo e, aínda que non nos deron a razón, tomaron nota das nosas críticas. Sigo crendo que Monforte perdeu unha gran oportunidade ao elixir un goberno só do BNG. Neste mandato, se quitamos as obras do Plan E, non hai unha soa xestión nova.
-¿Condicionou o seu traballo na oposición o pacto co BNG na Deputación de Lugo?
-No grupo municipal sempre tivemos liberdade para facer oposición, aínda que é certo que dende o BNG se deu a entender que había certa animadversión cara eles, que non soubemos dixerir a súa maioría no Concello despois de gobernar xuntos. Comparado con eles, penso que o PSOE fai unha oposición moito máis suave por unha cuestión de responsabilidade.
-No pleno no que se debateron posibles irregularidades nunha obra dun concelleiro do grupo de goberno, o alcalde dixo que xa non quería saber máis nada de vostede. ¿Haberá que buscar outro candidato no PSOE pensando nun pacto despois das municipais?
-Penso que son cousas que se din no contexto do debate político. En todo caso, teño máis motivos que el para dicir iso. Sobre o pacto, se houbese que reeditalo habería unha negociación e faríase porque os intereses de Monforte están por enriba de calquera discrepancia persoal. Eu non vexo a Severino [Rodríguez] como un inimigo, senón todo o contrario. Sempre lle dixen que unha cousa é a política e outra o persoal. Neste mandato a tocoulle a el un papel e a min outro.
-¿Verémolo de novo na lista das municipais?
-Non descarto volver defender os intereses de Monforte na corporación. Díxeno cando veu Pachi Vázquez e repitóo agora. Serán os compañeiros os que decidan no seu momento o que é mellor para o partido e para Monforte. Se consideran que hai outro candidato máis axeitado para encabezar a lista aceptareino, e se pensan que debo repetir estou á súa disposición.
-¿Incluso sen ser candidato?
-Habería que velo. Non teño ningún inconveniente en ir de apoio nos últimos postos da lista, pero ser segundo ou terceiro é outra cousa.
-¿Sería compatible para entón encabezar a lista e seguir de deputado?
-Pode haber excepcións e estou seguro de que van ser aplicadas nas municipais con compañeiros de partido.