La actriz destaca a gran evolución do seu personaxe en «Matalobos»
01 nov 2011 . Actualizado a las 06:00 h.A señora do luxoso pazo dos Matalobos é agora Vanessa Viaño, a muller de Mateo Veloso, xefe do clan rival e principal capo da droga. Casada e cun fillo pequeno, esta ambiciosa muller demostrará na actual temporada da serie de Voz Audiovisual emitida por Televisión de Galicia, ata que punto o propio interese é o único que a move. A actriz que a interpreta, María Mera (Boqueixón, 1986), converteuse grazas a este papel nunha das actrices revelación do panorama televisivo galego.
-¿Que representa para vostede o personaxe de Vanessa Viaño como actriz?
-Para min como actriz o personaxe de Vanessa foi un cúmulo de sorpresas. Interpreto a un personaxe que fai de todo, que ten un montón de caras e que evoluciona moito ao longo dos capítulos. Comeza a serie sendo unha nena, que despois cae na droga, que sae e que agora é unha muller casada e cun neno. O que máis me aporta son os cambios que experimenta e os distintos rostros que ten en función de con quen actúe.
-¿Pódese dicir que agora xa chegou á madurez?
-O que máis a distingue é a evolución. Agora ela xa conseguiu o que sempre quixo, que era ter unha vida asentada, con diñeiro, mercar a roupa que ela quería. O único que lle importa é estar casada co xefe dun clan e logrou o seu obxectivo. Xa se verá o prezo que ten que pagar por iso.
-Pero ela leva unha dobre vida, porque de quen segue namorada é de Diego Dourado.
-Ten que decidir entre o diñeiro e o amor, e para ela o que está por encima de todo é a ambición. Aínda que está casada con Mateo Veloso, ten a Diego, que é co que ela sempre tivo un contacto sentimental máis próximo. Aí amosa dúas das caras que ela ten.
-Agora que se sente como señora do pazo dos Matalobos, ¿perder a súa posición é o que máis lle preocupa?
-Perder a súa posición, a aparencia, o feito de que todo o mundo a respecte son cousas fundamentais para ela.
-¿Que pensa cando ve agora os primeiros episodios da serie, que vai xa pola súa terceira temporada?
-Vexo moitos cambios. Matalobos é a primeira serie que fixen a nivel profesional en televisión e desde os primeiros episodios a agora noto un cambio radical. Aprendín moitas cousas neste tempo, porque o personaxe esixe moitísimo. Ademais, o feito de ter contacto con outros actores xa moi consolidados permite evolucionar.
-¿Que diferenzas observa?
-Ao principio custábame moito o feito de verme en televisión, pero agora xa me gusta verme e analizarme.
-¿É moi crítica con vostede mesma?
-Ás veces si.
-A repercusión que ten o seu personaxe fai que a xente a recoñeza na rúa. ¿Como leva a popularidade?
-Vexo que a xente me recoñece máis do que eu xamais pensei. Eu saio de gravar os capítulos, vou para a casa e sigo coa miña vida normal, pero despois non hai día que non haxa alguén que diga iso de «mira, a de Matalobos». E observo que o meu personaxe causa sensacións de todo tipo. Como ela é tan fría e tan mala, as señoras que son nais sempre se acercan e me din «non podes ser tan mala cos teus pais».
-Máis de 200.000 espectadores; un 19 % de cota de pantalla o pasado martes. ¿Cal cre que é a clave do éxito da serie?
-O máis importante é a temática, moi distinta do que se tiña visto. É moi arriscada, moi real e moi cercana. Tamén conta cuns actores fantástico, moitos cunha traxectoria artística moi longa. A forza que ten, a aposta nas escenas e o feito de que rompe coa dinámica que existía ata agora son as súas claves.
maría mera actriz de «matalobos»