E no principio foron os porcos é o título do capítulo de hoxe de Padre Casares (TVG, ás 22.40 horas), no que Delmiro e Miñato, na súa busca do regalo que Franco lle fixo ao pai do alcalde, atoparán algo oculto. O problema é que o achado faise en territorio católico e don Crisanto sábeo.
Como resultado da investigación, aparecen dúas caixas cheas de documentos e, para sorpresa de todos, unha delas garda un mapa. Coñecendo ao seu pai, Delmiro inclínase a pensar que podería tratarse dun importante xacemento arqueolóxico, á altura de escavacións como a de Atapuerca, o que daría á vila de Louredo unha gran publicidade. Sen embargo, Miñato é máis partidario dun tesouro con valor económico.
Con tanta escavación, ninguén, salvo Moncha, se acordou de examinar a outra caixa aparecida na igrexa. A muller do alcalde a atopará nunha limpeza rutineira do seu salón e a súa sorpresa será maiúscula. O segundo cofre tamén esconde un documento importante, pero esta vez trátase dun regalo só para Delmiro e a súa muller.
Antes do capítulo de hoxe de Padre Casares, chegará unha nova entrega de Louredo responde (22.10 horas), na que os habitantes desta vila televisiva contestarán á pregunta de «¿por que dan tantos problemas os sinais en Louredo?».