«Mar libre», capas e espadas guerreando polas sardiñas

Camilo Franco

TELEVISIÓN

A miniserie que conclúe o vindeiro martes manéxase ben na acción, leva o ritmo e debuxa moi claramente esa liñas da tensión entre os personaxes.

16 dic 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Mar libre foi un grito de guerra que aínda non hai moitos anos se escoitaba na costa galega, xusto antes de que se introducise unha explotación racional e controlada dos recursos. Agora Mar libre é unha miniserie de acción con malos moi malos, bos moi bos, capas e espadas, ricos con perrucas e pobres con farrapos, moita figuración e moita paisaxe. Colocado e repartido como manda o xénero.

A miniserie que conclúe o vindeiro martes manéxase ben na acción, leva o ritmo e debuxa moi claramente esa liñas da tensión entre os personaxes. Non se permite grandes ousadías, pero tampouco se quere quedar curta. Recréase un pouco nos primeiros planos ou nese subxénero das paisaxes bonitas que serven para darlle un respiro a unha historia que se vai cargando de motivos. Ten algunhas vantaxes Mar libre, entre outras a de recuperar unha época da historia que para os grandes públicos non parece existir en Galicia pese as grandes transformación que se rexistraron. A outra vantaxe e non abusar nin dos tópicos nin da historia. Quizais podería terse inclinado máis cara a aventura sen perder peso histórico, pero a serie non quere perder de vista as clases populares nin a exhibición dun xeitos de marear que hoxe resultarán, como case calquera perspectiva histórica, exóticos.

A foto de época está feita sen perder de vista o xénero, sen faltar ao carácter histórico e con acción suficiente para que os espectadores entren a considerar que en Galicia a historia é máis ou menos como no resto do mundo. Aínda que Wikileaks nos ignore.